fbpx
Garda Pretoriana saíndo pola muralla de Lugo
A Garda Pretoriana de Lugo sae por unha das portas da antiga muralla romana da cidade / concellodelugo.gal

O Arde Lucus pode mudar os festivos do Entroido en Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou este luns que o Concello estuda fixar como festivo local o venres ou o luns posterior ao Arde Lucus logo do éxito colleitado este ano. “Será un festivo local que se fixará en detrimento do Martes de Entroido, posto que en Lugo vívese máis en primeira persoa o Arde Lvcvs”, suliñou.

A rexedora falou dun “sentir xeneralizado” a favor deste cambio, para o que se terá en conta a opinión dos distintos colectivos da cidade. Unha propsota que fai tras cualificar como “moi positivo” o Arde Lvcvs 2016, que se celebrou dende o pasado xoves ata o domingo á noite na cidade e na que, dixo, participaron máis de 600.000 persoas.

Méndez subliñou a implicación total do pobo de Lugo, “que se volcou novamente con estes festexos e volveu a saír ás rúas impregnadas da nosa historia e do noso pasado, para que non soamente sexa presente senón futuro, como un elemento vertebrador máis da cidade”.

Desfile de Moda dentro dos actos do Arde Lucus / Concello de Lugo

Desfile de Moda dentro dos actos do Arde Lucus / Concello de Lugo

“Queremos vivir do turismo e que este sexa parte do motor económico da cidade, o que pasa por poñer en valor a riqueza que temos, ao que contribúe notablemente o Arde Lvcvs”, engadiu. A rexedora tamén subliñou o éxito total de participación, coas rúas cheas de xente, “poñendo en valor a cultura romana”, dende nenos a maiores, de asociacións, colectivos e cidadáns volcados coas máis de 400 actividades organizadas.

Declaración Festa de Interese Turístico Nacional

A alcaldesa tamén confirmou que o Goberno está traballando co obxectivo de que o Arde Lvcvs sexa declarado este mesmo ano Festa de Interese Turístico Nacional, logo de quince anos aumentando o seu poder de convocatoria. Neste punto, Lara Méndez informou de que ao longo desta fin de semana o presidente da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, Antonio Madrid, visitou a festa, e se amosou sorprendido pola implicación de toda a cidade.

Este ano e por primeira vez, o Arde Lvcvs durou 4 días, posto que Lugo celebraba o décimo quinto aniversario deste festexos de recreación histórica. Nesta liña, a rexedora subliñou a aceptación que tivo entre os lucenses a prolongación da festa, un aspecto que está aberto á súa consolidación para vindeiras edicións.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...