fbpx
Unha imaxe antiga da illa de Cortegada

Recuperan a memoria dos poboadores expulsados por un rei da illa de Cortegada

Tempo de lectura: 3 min.

Ata os últimos días de agosto, e da man do Faiado da Memoria, co patrocinio do concello de Vilagarcía e Parques Naturais Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e Consellería de Medio Ambiente, pódese ver nas dependencias do salón de plenos do Concello de Vilagarcía a exposición Ecos de Cortegada, inaugurada este 2 de agosto, dedicada á memoria viva da xente que abandonou Cortegada cando esta illa foi “adquirida” para doarlla ao rei no Alfonso XIII alá polo ano 1910.

Nun local ateigado de emocións e profundos recordos, os asistentes puideron ver fotos dos habitantes da illa, escrituras do desafiuzamento, imaxes das casas da aldea, da escola e a igrexa, no seu estado antigo e no da actual ruína, páxinas de prensa da época con artigos sobre o tema, ortofotos de Cortegada coa evolución da súa paisaxe agrícola e mariñeira, converténdose co paso do tempo en bosque de laurisilva, pequenas montaxes con algunhas das historias dos últimos poboadores ao pé das súas fotografías e tamén un video no que Margarita Teijeiro, unha das netas dos últimos habitantes de Cortegada conta os seus recordos mentras realiza unha visita guiada pola illa.

Fotografía dun dos propietarios das casas da illa de Cortegada

Fotografía dun dos propietarios das casas da illa de Cortegada

Segundo os seus promotores, Margarita Teijeiro e Antonio Caeiro, a exposición servirá para devolverlle aos seus habitante a dignidade como seres humanos ante un desafiuzamento que non serviu para nada máis que para converter un espazo vivo nun couto de caza. Cando a especulación se enmascara de modernidade, progreso, traballo e porvir é difícil que unha poboación necesitada de cambio non se sinta arrastrada a que iso se faga realidade aínda que houbera que levarse por diante a vida de case dúas decenas de familias. “Nin eran ignorantes nin analfabetos nin se lles fixo un favor cando se lles expropiaron as terras”, explícase desde a asociación. A exposición é a entrega e o homenaxe a aquela xente que lles quitaron as súas pertenenzas e tiveron que calar a boca porque vivían nunha época na que non podian facer outra cousa.

Maniobras caciquís da expropiación da Illa de Cortegada

Os poboadores de Cortegada víronse envoltos nunha operación promovida pola burguesía local que pretendía convencer ao rei Alfonso XIII para construír un pazo de verán na illa. Ante o oposición por parte dos habitantes de entregar os seus terreos, o monarca rexeitou o agasallo.

Con manobras de dubidosa legalidade por parte da aristocracia local para conseguir os terreos, ás cales fai alusión unha foto nun panel de Ecos de Cortegada da páxina de “El País. Diario Republicano” co artigo “El Problema de Cortegada” do 10 de maio de 1909, e no que podemos ler :

“..para que la aceptación no se haga arma política fuera preciso llevar a un acuerdo sensato a los caciques que allí luchan por la supremacía y preponderancia en el favor real, bastando que uno tenga mayor influencia para que el otro lo combata rudamente, hasta producir custiones de orden público como el reciente de Villagarcía, en el que se quiso tirar por la ventana al afortunado mortal que tenía poderes de algunos propietarios para negociar en el asunto y al que se le obligó a renunciarlos, incurable idiosincracia que está en la sangre de la caciquería nacional, pero que se agrava lamentablemente en Galicia..” “…personaje político que se blasona de democracia en Madrid y que en su país de origen es rajá de tres colas o mandarín canonista, gran maestro de triquiñuelas”.

Unha vez que se conseguiron as propiedades de Cortegada por parte dos promotores da iniciativa, o rei fíxose cargo da mesma, pero o certo é que por aquelas datas do 1907 xa decidira construír o pazo de verán en Santander, aínda que non renunciara á illa, da que os poboadores foron expulsados definitivamente en agosto dese mesmo ano.

Toma, case pola forza, das últimas propiedades da illa de Cortegada

Toma, case pola forza, das últimas propiedades da illa de Cortegada

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...