fbpx
Anta de Caxadas, decuberta recentemente en en Vimianzo

Vimianzo, capital do megalitismo galego

Tempo de lectura: < 1 min.

Estes días Vimianzo será a capital galega do megalitismo. O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Antón Abel Rodríguez Casal é o director científico do II Simposio’ O megalitismo da Costa da Morte no seu contexto atlántico’, que reunirá dende este venres en Vimianzo aos maiores especialistas no ámbito.

Na primeira xornada, que se desenvolve este venres, Ramón Fábregas Valcarce, da USC aborda o estado do megalitismo en Galicia hoxe en día. A continuación Xosé Mª Lema Suárez, presidente do SEMESCOM, analiza as antas da Costa da Morte dentro do seu contexto natural, histórico, artístico e cultural.

Tamén o arqueólogo Manuel Lestón explicará as actuacións desenvolvidas no domen de Dombate. Pechará a xornada Mar Llinares García, da USC, que falará acerca da mitoloxía popular e os memonumentos megalíticos.

Durante a xornada do sábado continuarán as exposicións académicas e o domingo, pola mañá, as persoas participantes visitarán algúns dos dolmens da Terra de Soneira e haberá un recital poético a cargo de Miro Villar.

O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, destaca que este concello é “o lugar natural para desenvolver este simposio pois todo o territorio do Concello está sementado de dolmens e mámoas, cunha concentración das máis altas a nivel galego”.

Para o alcalde o desenvolvemento deste simposio é unha oportunidade para avanzar no coñecemento e na posta en valor dos monumentos megalíticos xa que son un recurso económico que, xestionados da maneira adecuada, poden ser fonte de riqueza e de emprego para o territorio.

Pode que che interese...