fbpx
Juan Carlos Román co seu libro Los 100 problemas del arte contemporáneo / Duvi

Cales son as eivas e retos da arte contemporánea?

Tempo de lectura: 3 min.

Como un xogo, como un xeito de promover o diálogo nas redes sociais, deu comezo o profesor da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Román, o proxecto que neste 2016 remataría converténdose en ‘Los 100 problemas del arte contemporáneo’, un libro editado polo Centro de Documentación y Estudios Avanzados de Arte Contemporáneo (Cendeac) dependente da Consejería de Educación, Cultura y Universidades da Región de Murcia. “A estrutura do libro é atípica, non nace co desexo de vestirse de papel, senón que xorde nas redes sociais”, sinala Román dunha publicación na que reúne un cento de reflexións e relatos breves nos que aborda, desde a ironía e cunha óptica persoal, os diferentes retos e problemáticas aos que se enfronta o sistema artístico en España, como o “pluriemprego” dos seus diferentes axentes ou a perda do seu “potencial simbólico”.

“Hoxe por hoxe, as redes sociais son unha plataforma de traballo, visibilidade e impacto moi importantes”, salienta Román no xornal da Uvigo, que tras recoñecerse inicialmente remiso ás mesmas, rematou atopando en Facebook un espazo no que falar e reflexionar cun “grupo heterodoxo de persoas vinculadas de múltiples maneiras coa arte”. Foi nesta contorna onde naceu Los 100 problemas del arte contemporáneo, o que pretendía ser unha serie de cen entradas que fosen abordando diferentes problemáticas da arte contemporánea, alimentadas á súa vez por “decenas de bos e intensos comentarios que complementaban os meus textos iniciais”, como recoñece. Esta iniciativa espertou o interese de Fernando Castro Flórez, director da colección Infraleves do Cendeac, o que motivou que só preto dos 50 ‘problemas’ rematasen vendo a luz no Facebook “para non facer do libro unha translación do que se vertía na rede”, aínda que, como recoñece Román, “o libro mantén un ton fluído co lector onde o humor, a ironía e, sobre todo, o relato alegórico expresa e exemplifica aquelas ‘pingueiras’ que a arte ten”.

Un percorrido polos múltiples axentes do sistema

Cuestións relativas á propia práctica artística e as súas diferentes disciplinas, a figura de comisarios e críticos, a política museística, o mercado da arte, o coleccionismo ou o papel das institucións públicas e do sector privado son abordados neste percorrido polos problemas recorrentes da arte. Títulos como La república independiente de la exposición; Todos contemplamos lo mismo, pero en museos diferentes, ou Artistas plásticos y artistas rígidos forman parte desta relación dun cento de problemas ou retos que emprega o humor e a ironía como un xeito de abordar os “múltiples paradoxos e perplexidades” que se presentan na arte, así como unha “forma de comunicación co lector co que buscas complicidade”.

Mantendo a numeración orixinal da orde na que estas entradas foron xurdindo, o libro agrupa os diferentes relatos en 17 grupos temáticos, cos que “axudar ao lector a encaixar e agrupar os textos baixo un guión argumental”, nunha reflexión que aborda os diferentes axentes do sistema. “Os artistas aparecemos como os protagonistas dos eventos artísticos, pero realmente somos un elo máis nunha interminable cadea á que cada vez se unen máis axentes”, sinala Román, que recoñece de feito como un dos problemas deste panorama que “a arte profesionalizouse tanto que agora mesmo o feito de elixir unhas obras ou de construír un discurso coas mesmas xa non é tarefa do artista”.

Do pluriemprego á perda de potencial simbólico

“Ao propoñer as reflexións como problemas e non como retos, o que facía era amosar unha desconformidade cos acontecementos da arte e as súas evolucións”, engade Román, que aínda que en varias das súas reflexións aborda a arte contemporánea desde unha óptica xeral, céntrase en boa medida na situación no estado español, “un país onde se deron os máis grandes e significativos pintores” e no que “facer e falar de pintura é practicamente imposible”, como afirma nun dos seus capítulos.

Neste senso, este docente e artista sinala como un problema fundamental do sector en España o “pluriemprego” dos seus axentes, de tal xeito que “todos facemos de todo, todos somos artistas, comisarios, docentes,etc, e cando todos estamos en todo, isto significa que non estamos realmente en nada”. Do mesmo xeito, tamén pon o acento en que “a arte contemporánea no estado español perdeu todo o seu potencial simbólico”, de tal xeito que “xa non é unha finalidade en si, senón que se emprega como unha metodoloxía ou ferramenta para acontecer no social”, ao tempo que sostén en que, ao igual que está a acontecer con outros bens e produtos, “a arte, tal e como a entendíamos ata hai pouco, só se da como tal, nunhas zonas xeográficas concretas, que a acaparan e destilan como signos da súa época”.

Pode que che interese...