fbpx
As ovellas son as donas e señoras da Torre dos Moscoso, en Ardemil, Ordes / Xosé Troiano

Ovellas e burros, os únicos habitantes da fortaleza que naceu ao pé do Cabrón

Tempo de lectura: 3 min.

Xosé Troiano, divulgador e investigador do patrimonio

A leira da Torre, é hoxe un campo adicado ao pasto da gandería. Pero en tempos alí había unha das fortalezas máis importantes que os Moscoso tiñan en Ordes para controlar o camiño de Santiago a Coruña. Ubicada na parroquia de San Pedro de Ardemil, e ao pé do río Cabrón, hoxe non queda dela máis que unhas cantas pedras do antigo muro. E dous habitantes moi particulares, un burro e unhas cantas ovellas.

Esta antiga fortaleza emprazábase nunha penachaira, na marxe dereita do río Cabrón. Esta casa debeu ter varios sobrados que se foron derrubando, a medida que os Moscoso levantaban outra torre no lugar de Morgade, aló polo ano 1354. Lope Pérez de Moscoso obtería permiso do arcebispo Gómez Manrique para facer una “casa forte enno castro de Morgade”, na mesma freguesía de san Pedro de Ardemil.  As condicións eran as habituais: recibir ó prelado “irato o pacato”, con moitos ou con poucos, facer a guerra ou a paz dende a fortaleza cando llelo esixira o arcebispo, e coa desusada: derrubar a casa de Moscoso ata o primeiro sobrado cando a de Morgade tivese o segundo. Esto supuxo a desaparición da do Moscoso.

Leira da Torre, onde na época medieval houbo unha torre dos Moscoso / Xosé Troiano

Na actualidade, só se conserva o solar coas pegadas visibles e a lembranza da torre, sinalada pola microtoponimia, Lugar de Moscoso e Leira da Torre. Nesta leira da torre era onde estaba a ubicación da fortaleza, ocupando a parte alta do reborde dunha suave ladeira, a 403 metros de altura sobre o nivel do mar e exercendo un amplo dominio visual da contorna.

Moi poucos restos

A mota visible está moi achandada e foi repetidamente roturada. Esta ten unhas medidas que corresponden coa maioría, duns 40 metros de diámetro e cunha superfie duns 1150 metros cadrados. Esta pequena elevación está no medio doutra elevación do terreo que conta cunhas medidas de 105 metros de Oeste-Leste por 102 metros de Norte a sur, defendido por un pequeno terraplén dun metro a metro e medio na súa parte máis alta. Pola cara oeste hai un manancial de auga, agora cuberta de silveiras. No seu perímetro valado aínda se poden ver gran cantidade de pedras soltas e algunha que outra cantería labrada que apareceron ó arar. Os veciños tamén comentaron que apareceran restos da cimentación duns muros de máis dun metro de espesor que pertencían á antiga torre. Hoxe, alí conviven un burro cunhas cantas ovellas propiedade dos actuais donos do terreo.

Visión da Torre dos Moscoso desde o LIDAR / Xosé Troiano

A terra dos Montaos

A freguesía de San Pedro de Ardemil era unha máis das que integraban a terra de Montaos e foi entregada en “terraria” polo arcebispo Lope de Mendoza no ano 1438 a don Afonso de Mendoza; antes estivo en mans de García Díaz de Mesía e da súa filla dona Constanza de Mesía. No ano 1478, Lope Sánchez de Moscoso renuncia a esta freguesía que tiña embargada, en favor de Luís de Acevedo, para que a tivese coa casa e terra de Mesía, como a tivo anteriormente Lope Pérez de Mendoza.
Fonte: Patrimoniogalego.net

Pode que che interese...