fbpx
Entroido en Xinzo de Limia / xinzodelimia.blogspot.com

Como era o famoso Entroido de Xinzo de Limia a finais do século XIX

Tempo de lectura: 3 min.

O Entroido de Xinzo de Limia é unha tradición que arrinca de tempos remotos. O seu carácter, predominantemente popular e contrario aos abusos de poder, fixo que non queden case pegadas na documentación anterior ao século XX; de aí a excepcionalidade do artigo que presentamos, publicado a principios de marzo de 1889 polo xornal lugués O Eco de Galicia.

Carnestolendas, Carnaval, Entroido?

No devandito artigo, cuxo autor descoñecemos, faise unha pequena crónica sobre as Carnestolendas na capital limiana, un termo utilizado antigamente que é sinónimo do Entroido. O Dicionario de Autoridades de 1732 di que derivada do latín caro, carnis (carne) e tollendus, gerundivo de tollere (quitar, retirar), porque se refire aos tres días anteriores á coresma, “en los quales se hacen fiestas, convites y otros juegos para burlarse y divertirse, con que se despiden de este mantenimiento“. A palabra Carnaval, a máis estendida no español actual, é un préstamo do italiano, carnivale. Por último, o termo Entroido, utilizado no galego actual, ten unha orixe moito máis antiga; xa era “voz antiquada” no castelán de mediados do século XVIII, e deriva do latín intruitus, que significa entrada (á Coresma, neste caso). É, por tanto, o máis adecuado para referirse á festividade ancestral de Xinzo. Por vulgarización deste termo, utilizáronse tamén, en castelán, as palabras Entruejo e Antruejo.

Un orixinal disfrace

Aínda que o artigo decimonónico non fai alusión ás tradicionais pantallas, o traxe típico da vila, si describe un disfrace peculiar:

“Como rasgo de sátira socarrona y fina, es digno de notarse el que se le ocurrió a un labrador de Ginzo (Orense) con ocasión de celebrar la entrada de Carnestolendas.

Recorrió las calles de aquel pueblo disfrazado de modo que presentaba todo el cuerpo cubierto de papel de oficio [el papel usado por los notarios], dejando solo ver la punta de la montera [sombrero tradicional gallego], en la que se ostentaba un cartelito con la siguiente inscripción: Fruta del tiempo en Ginzo.

Varios grupos vitoreaban al intencionado máscara”.

Pantallas de Xinxo / demiku

Unha comparsa

A continuación, outro elemento que debía de ter moita importancia na festa, as comparsas:

“En la misma villa llamó también la atención, entre otras comparsas, una que simulaba la política oportunista en jardinera, representando la moralidad arrastrada por un jamelgo”.

Entroido como crítica

Apréciase o matiz anti-político da celebración, pero sempre con bo humor. Era a única época do ano na que os veciños (labradores pobres na súa maioría) se podían burlar de forma pública e libre, aínda que sarcasticamente, dos caciques, alcaldes e demais; que oprimían o pobo coas súas leis e impostos. Durante o resto do ano tiñan que conformarse con pór denuncias ante notario, quizais de aí veu a inspiración para o disfrace do labrador descrito anteriormente.

Máis ca unha festa, o Entroido de Xinzo é un “sentimento“, tan arraigado nos limiaos que nin sequera as prohibicións deste durante as catro décadas de franquismo conseguiron facelo desaparecer. Tras elas, xurdiu con forza, e foi declarado Festa de Interese Turístico Nacional en 1997. Desde entón, é cada vez máis coñecido e concorrido.
Fontes

El Eco de Galicia: diario de la tarde, nº 851, Lugo, 06/03/1889

REAL ACADEMIA ESPAÑOLA, Diccionario de la lengua castellana: en que se explica el verdadero sentido de las voces, su naturaleza y calidad, con las phrases o modos de hablar, los proverbios o refranes, y otras cosas convenientes al uso de la lengua,… 1737

Publicado orixinalmente en vialethes.es

Escrito por

Historiador e director da web vialethes.es

Pode que che interese...