fbpx
Cartel de Carlos Casares, en Arxentina / haciendovia.arg
Cartel de Carlos Casares, en Arxentina / haciendovia.arg

Cando Domingo Fontán, Carlos Casares, enterradores ou forestais pasan a ser literatura da historia

Tempo de lectura: 4 min.

O xeógrafo Domingo Fontán, o escritor Carlos Casares ou personaxes moi coñecidos da vida local de determinados concellos galegos, como Leoncio, enterrador do Barbanza ou Demetrio, o forestal, son xa parte da nosa historia. Algúns moi coñecidos, outros non tanto, pero todos marcaron parte do devir dunha comunidade.

Buscar as pegadas da historia dentro da literatura pode ser unha teima, igual que buscar as xeografías próximas. Eu confeso a miña predisposición a facelo, e cando buscas vas atopando.

Por exemplo, na última obra de Antón Riveiro Coello, A ferida do vento, aparece Leoncio, o enterrador da vila, realizando unha viaxe ao Barbanza e conta que nesa viaxe organizada se anunciaba, dentro do itinerario do programa, unha parada no mellor cemiterio de Galicia.

“Así, un día solleiro do mes de xullo, despois de subiren ao monte da Curota e veren o mar que abraza a península do Barbanza, o autobús fixo parada na vila de Noia e baixaron para visitar Santa María a Nova e máis o seu famoso cemiterio co museo de laudas gremiais. Aquela vista seica lle desorbitou os ollos a Leoncio. Mentres escoitaba as explicacións do historiador local, víase asaltado pola convicción de que estaba a asistir a un espectáculo extraordinario. (…) Arrimado ás palabras dun historiador que o explicaba todo, volvín a eses tempos en que os mortos decidían descansar sepultados por esas portas gravadas coas marcas dos seus traballos”, recolle. A partir desa experiencia, Leoncio deseña a súa marca gremial (a pa e o rectángulo semellante ao nicho) e tamén a de Demetrio, o Forestal, o home que planta unha árbore por cada veciño que nace, e que será un pino.

Domingo Fontán co seu mapa

Aínda hai máis historia na novela de Riveiro Coello, un personaxe real: Carlos Casares, que aparece na narración cunha entrada fugaz a recoller historias de tolos da voz do avó e tamén do propio protagonista. Un protagonista de quince anos, que acolle con devoción os seus libros dedicados e queda sorprendido ante a súa muller, unha estranxeira que fala galego, e tamén ante a relación que Casares mantén cos chamados comunistas da vila. Eran os anos setenta na Limia.

Era un escritor novo que chegará non só a ser moi recoñecido senón tamén a ocupar unha cadeira na Real Academia Galega, a dirección da Editorial Galaxia e a presidencia do Consello da Cultura Galega. Un escritor que dezasete anos despois da súa morte é homenaxeado coas Letras Galegas, neste 2017.

Era o momento de que alguén lle chamase o cemiterio máis fermoso do mundo a aquel que reúne as laudas gremiais nas que se recoñecía aos mortos polo oficio que realizaran en vida, e que segue aí, ao lado en Santa María a Nova de Noia no espazo museístico que soñou o escritor Avilés de Taramancos nos anos en que foi concelleiro de cultura da súa vila.

De Noia fálase tamén na novela de Marcos Calveiro que foi premio Repsol, Fontán. A biografía novelada do gran xeógrafo galego, que retrata a cartografía do país, convertendo a Galicia na primeira porción da península ibérica reflectida na carta xeométrica, tal como se recolle na Gaceta de Madrid do 4 de decembro de 1834.

Nunha viaxe polo mundo das ideas e os inventos da Ilustración, as controversias científicas e as disputas parlamentarias, percorre Calveiro os tempos convulsos nos que semella abrirse o mundo pero segue a pecharse a mente humana aos avances que se poderían acadar se todos estiversen onde había que estar. De Noia, porque nela está o párroco Sebastián Rodríguez, que é tío de Domingo, e que acubilla ao padre Douar que fuxe cun mapa e co que coincidirá o neno Mingos cando veranea co tío.

Desde o alto de San Lois ollan o mar, as augas rabuñando a costa, vendo o casal de Taramancos, a praia de Testal, Punta Barquiña, o río de Testal, o monte Louro; as dornas preto da Creba á sardiña, en Testal os carros de bois carrexando argazo; o mar como chaira infinda para o Mingos de terra adentro.

Noia, moitos anos máis tarde, será o lugar onde seu irmán Andrés, cada día, a unha hora determinada, mida no barómetro a presión, para comparar coa do lugar no que Domingo estivera e así ir calculando o que máis tarde serían as curvas de nivel; daquela Noia era o nivel do mar, o lugar onde vive Andrés de adulto mentres dirixe a papeleira de Lousame que leva a marca da familia Fontán e onde o científico rematará acompañándoo no traballo.

Santa María a Nova

Tamén nesta novela se fala de Santa María a Nova, porque nela se enterra o tío cura e porque entre as lápidas pensa Fontán como sería a súa co metro de Fortín gravado na lousa. E fálase tamén do segundo Batallón Literario, do alzamento de Solís en Lugo, de como se crea en Santiago a Xunta Provisional de Goberno de Galicia con Antolín Faraldo como secretario, do movemento dos estudantes santiagueses da Sociedade Patriótica na defensa de Galicia fronte ao autoritarismo de Narváez, da derrota de Solís en Cacheiras…

A Historia campea de forma transversal, polas vidas e as lecturas, nos libros das bibliotecas públicas ou persoais e tamén no gran libro que constitúe a paisaxe construída, nas verbas dos maiores que nos contan e nas dos que intercambian con nós os saberes e padeceres.

Escrito por

Dinamizadora cultural. Directiva do Ateneo de Santiago

Pode que che interese...