fbpx
Pintadas na exposición "A forza necesaria" sobre a historia do sindicalismo / @BarroDesign

Atacan a memoria histórica na Coruña con pintadas de “No al comunismo”

Tempo de lectura: 2 min.

“No al comunismo” o “Paracuellos” foron as pintadas coas que sabotearon este domingo a exposición sobre a historia do sindicalismo coruñés ‘A forza necesaria’. “Un ataque á memoria histórica”, tal e como xa o definiu o Concello da Coruña e diversas asociacións coruñesas.

O Goberno local xa amosou a súa condena ante estes actos vandálicos que danaron a mostra impulsada pola Concellería de Emprego e Economía Social e que foi inaugurada o pasado Primeiro de Maio. A exposición repasa a traxectoria histórica da cidade da Coruña na defensa dos dereitos laborais, o sindicalismo e o movemento obreiro. A mostra, que se estrutura en taboleiros de gran formato impresos sobre madeira, apareceu este domingo inzada de pintadas feitas con spray de cor negra.

O concelleiro de Emprego lamentou “un ataque que demostra unha profunda intolerancia dalgúns sectores contra o contido da exposición pedagóxica” e condenou “este e todos os ataques contra a liberdade de expresión e a memoria histórica”. “A forza necesaria ten, como finalidade, que veciñanza coñeza que foi quen loitou, ao longo da historia, polos dereitos laborais na Coruña”, explicou o responsable municipal, que lembra que o traballo “fai unha revisión de 100 anos de historia do sindicalismo coruñés e recolle as distintas tradicións obreiras”.

“Compromiso” coa memoria histórica

“Desde o Goberno local da Coruña temos un fondo compromiso coa memoria histórica e, por suposto, concordamos con render homenaxe ás persoas que loitaron por facer desta unha cidade e unha sociedade mellor, que loitaron polos dereitos que, a día de hoxe, van quedando”, afirmou Lema, que engadiu que “os feitos falan por si mesmos. O responsable da área de Emprego tamén avanzou que a Policía Local “xa está a traballar na investigación dos feitos, co obxectivo de dar coas persoas culpables deste ataque”.

A exhibición sobre o movemento obreiro na Coruña, que se trasladou esta semana a praza da Fábrica de Tabacos, divídese en cinco capítulos a través dunha selección de 150 imaxes que proceden de distintos arquivos públicos, como o Arquivo Municipal da Coruña, do Reino de Galicia, da Real Academia Galega, o Arquivo Histórico Universitario da USC e a Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela.

Pode que che interese...