fbpx
Desfeita provocada por unha platación de eucaliptos no castro da Rilleira, en Barreiros / Ramón Becerra

Mariña Patrimonio denuncia a desfeita do castro dos cibarcos, a tribo galaica da que falaba Plinio o Vello

Tempo de lectura: 2 min.

ADEGA e Mariña Patrimonio acaban de presentar unha nova denuncia por mor dos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do castro da Rilleira (Cabarcos- Barreiros), en Lugo, tras a realización duns traballos forestais, tal e como xa contou este portal.

“Unha vez máis vemos como a industria do eucalipto actúa con total impunidade e con absoluto desprezo polo noso patrimonio ao danar un xacemento arqueolóxico catalogado e protexido. Unha vez máis vemos a total desconexión entre Medio Rural, Patrimonio e a industria forestal e unha vez máis veremos o desleixo por parte da Xunta de Galicia que, despois desta denuncia, novamente comezará a buscar escusas para non actuar en contra da todopoderosa industria do eucalipto”, denuncia esta entidade nun comunicado.

Material remexido por unha plantación de eucaliptos no castro da Rilleira, en Barreiros / Ramón Becerra

Así, lembran que destrución e os danos repítense neste novo casto xa que hai exactamente un ano tamén denunciaban a desfeita provocada pola plantación de eucaliptos noutra parcela deste mesmo ben sen que a día de hoxe, malia o tempo transcorrido, se teña recibido ningunha resposta por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta.

Desta volta, os labores forestais afectaron gravemente a croa, os foxos, o parapeto e maila muralla pétrea, deixando á vista en toda a superficie abundantes restos arqueolóxicos. Empregouse maquinaria pesada, deuse apertura a unha pista que cortou o parapeto, arrincáronse as raíces dos vellos eucaliptos e realizáronse novos furados con pá mecánica para plantar os novos.

Patria dos cibarcos

Para algúns investigadores, o castro da Rilleira, situado no val de Cabarcos, tería unha grande significación histórica, xa que sería o lugar onde se asentaban os cibarcos, unha tribo galaica da que nos fala o historiador romano Plinio o Vello. Este castro conta cun impresionante sistema defensivo formado por tres foxos picados na rocha e, probablemente, a croa contase cunha muralla pétrea de módulos

“Dende ADEGA e Mariña Patrimonio preguntámonos cando decidirá a Dirección Xeral de Patrimonio asumir o seu deber de protexer o noso Patrimonio e cando comezará a actuar en contra dunha industria forestal irresponsable que, por uns centos de eucaliptos, é capaz de destruír un importante ben cultural”, conclúen.

Pode que che interese...