Un valado impide ver un conxunto de petróglifos e mámoas no Incio / Xabier Moure

Prohíben o paso con valados e cámaras para visitar petróglifos e BICs no Incio

Actualización: Cómpre aclarar que hoxe mesmo falei cuns comuneiros e as versións difiren substancialmente das relatadas no artigo. Ao parecer hai un documento en que a comunidade autoriza o seu uso para o gando e que os cadeados son simplemente para protexelo non para impedir o acceso aos petróglifos. Coa xente que falei amosáronme sensibilidade á hora de coidar o patrimonio, de feito invitáronme a falar con eles e aclarar o tema. Invitación que aceptei gustoso

O día 10 de xuño de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata o Incio para visitar o castro de Formigueiros, a necrópole Megalítica do Monte de Santa Mariña, con máis de 40 mámoas, e uns petroglifos que hai nas inmediacións, os dous últimos declarados Ben de Interese Cultural (BIC).

Un cartel anuncia que hai cámaras de vixiancia que impiden visitar varios BIC’s / Xabier Moure

A visita ao castro e aos túmulos discorreu segundo o previsto, iso si, continuamos a botar en falta a escasa, por non dicir nula, sensibilidade das administracións públicas canto á valorización deste impresionante sitio arqueolóxico. O atranco xurdiu cando quixemos ver os petróglifos, o camiño que se utilizaba hai anos estaba pechado cunha cancela de ferro que non puidemos traspasar debido ao cadeado. Chamounos a atención o cadeado xa que sabiamos que se trataba dun monte comunal onde se fixo unha repoboación con piñeiros. Non nos desanimamos e optamos por bordear o interminable cercado de arame para atopar outra entrada, intentos que resultaron infrutuosos xa que todos os camiños de acceso ao monte estaban pechados con cadansúa cancela, mesmo nun deles anunciábase unha cámara de video-vixiancia.

Estrañados de que semellante superficie de monte estivera inaccesible, fomos ata aldea de Sobrado onde coñeciamos a existencia dunha ponte sobre o río Mao por onde tamén se podía acceder ao monte e, polo tanto, aos petroglifos. Mais cal foi a nosa sorpresa cando comprobamos que despois de atravesar a ponte o camiño volvía estar pechado.

E por que todo pechado?

Para saciar a nosa curiosidade decidimos falar coa xente da parroquia de Santa Cristina do Viso. Se ben sabemos doutros montes galegos con sitios arqueolóxicos cercados para evitar a saída do gando, as cancelas pódense abrir, coa advertencia, iso si, de que hai que volver a pechalas e que hai animais soltos e polo tanto convén andar con precaución.

Tramos do Camiño Real están en desuso por non poder pasar por eles no Incio / Xabier Moure

Despois de superar unha certa desconfianza dos veciños cos que falamos enterámonos de que o monte é comunal, si, pero dende hai varios anos tres persoas están a utilizalo como explotación gandeira de cabras e ovellas. Foron estas persoas as que cercaron o monte, pecharon os camiños con cancelas e puxeron os cadeados, actuación que mesmo ocasionou, dixéronnos, varias desavinzas entre os propietarios do gando e o resto dos comuneiros aos que non se lles permite o acceso a unhas terras que tamén lles pertencen.

Pero a cousa non queda aí. Resulta que o camiño que cruza o monte comunal é o antigo Camiño Real que dende a aldea de Sobrado discorre polo planalto a carón das mámoas de Santa Mariña, o castro de Formigueiros e a necrópole megalítica do Campo de Valentín, na Serra do Édramo. Como dixen máis arriba, en Sobrado o camiño ten que salvar unha ponte sobre o río Mao. Hai anos, a vella ponte, construída en madeira sobre alicerces de pedra, veuse abaixo, con tan mala fortuna que un home que a atravesaba co tractor perdeu a vida. No ano 2013 a Deputación Provincial de Lugo investiu máis de 27.000 euros (aínda está o panel anunciando a obra) en acondicionar o propio camiño e facer unha nova ponte de madeira sobre columnas de formigón. Na actualidade, o camiño está inzado pola maleza e a ponte en desuso por estar cortado o camiño que secularmente viñan utilizando os veciños de Sobrado para levar a pacer o gando aos pastizais do outro lado do río; agora teñen que dar moita máis volta. É dicir, que na práctica utilizáronse cartos públicos para facer unha ponte de uso particular: os propietarios da explotación gandeira (cando se reconstruíu, o monte xa estaba pechado). Asi que os veciños de Sobrado non limpan o camiño porque, simplemente, non lles ten utilidade.

Carteis ciscados no Incio / Xabier Moure

Petición de información

Á vista do anterior, en primeira instancia, hoxe diriximos un escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo, invocando a Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 16, para poder acceder aos petroglifos xa que tal como establece o artigo 5.1 a cidadanía ten dereito ao acceso, coñecemento e desfrute do patrimonio. Ademais, ao tratarse dun ben catalogado coa máxima protección legal (BIC), as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias do terreo teñen a obriga de facilitar a visita pública e gratuíta a estes bens patrimoniais (artigo 48).

Ademais do anterior, solicitámoslle que nos informen si se requiriu a actuación previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural para montar a explotación gandeira (artigo 47), obriga que xa recollía a anterior Lei do ano 1995. Por outra parte, polo risco de deterioración ou destrución deste ben aqueolóxico, pedimos que se aplique o artigo 38, establecendo a contorna de protección en 200 metros, tal como marca a Lei.

E por último tamén nos diriximos ao Concello do Incio para que, en cumrpimento do artigo 3 da devandita Lei do Patrimonio, adopten as medidas cautelares necesarias para salvagardar os petróglifos, debendo comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

  • Crisp

    Hola moi boas.
    Primeiro felicitarte por a tua preocupación, como moita xente da contorna, por manter en bo estado o patrimono e o seu coñecemento a toda a sociedade.
    Pero creo que non todo o que estas a publicar e difamar e certo, de feito puntualizariache moitas cousas as cales che aseguro que son unha gran mentira. Gorda, ben gorda. Pero non teño por que, xa que o historiador eres ti.
    Ese pechamento conta con todas as autorizacions pertinentes, xa que quen realizou as obras realmente foi a mesma Xunta de galicia, esperando por patrimonio para o seu comezo.
    Espero que te informes ben ou que te informen coa verdade. E non te fagas participe dun boicot.
    Graciñas. Un saudo.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: