A matemática Hipatia de Alejandría nun cadro do Renacemento

Un libro pon en valor as achegas das mulleres matemáticas ao longo da historia

Emilie Breteuil, Mery Sommerville, María Gaetana Agnesi, Emmy Noether, Sofía Kovalesky, Ada Byron e Hipatia de Alejandría son algunhas das mulleres que fixeron importantes contribucións no campo das matemáticas ao longo da historia. Aínda que na súa meirande parte estas científicas seguen a ser descoñecidas para o gran público polo mero feito de pertencer ao xénero feminino, figuras como Hipatia e Ada Byron xa se fixeron un oco no imaxinario colectivo.

As súas biografías e a de moitas outras mulleres relevantes nesta disciplina aparecen recollidas no libro ‘Mujeres matemáticas: las grandes desconocidas’, escrito por Amelia Verdejo, profesora da área de Análise Matemática da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que ten como obxectivo dar visibilidade ao seu talento.

A obra, editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, preséntase este xoves na libraría Librouro de Vigo e nela a autora recolle múltiples reflexións que van máis aló das súas achegas científicas e opina sobre aspectos como a valentía, a valía, a constancia ou a coraxe destas mulleres e “sobre os modelos válidos nos que as nenas e nenos poden verse reflectidos, superando prexuízos e limitacións arbitrarias”, como sinala no prólogo a catedrática de Economía Aplicada, Coral del Río, primeira directora da Unidade de Igualdade da Universidade Vigo, que hoxe acompañará a Verdejo na presentación do volume.

Importancia das figuras femininas

“É necesario realizar actuacións que axuden a cambiar a realidade de descoñecemento da existencia de relevantes figuras femininas nas ciencias ao longo da historia, tanto entre a poboación en xeral como no ámbito da docencia en particular”, explica Verdejo no xornal da Universidade de Vigo. Esta invisibilización ten as súas raíces “sobre todo no difícil acceso á educación, algo que as mantivo lonxe do coñecemento científico”. Neste sentido, a autora sinala que era habitual que as mulleres se debateran entre asinar ou non os seus traballos co seu nome real, pois o desexo de reivindicar a calidade dos seus estudos fronte a outros científicos varóns “causaba nelas frustración”, explica. Por este motivo moitas científicas empregaron pseudónimos masculinos ou o apelido dos seus maridos para que o seu traballo non fose rexeitado, “a sociedade tratábaas con desconfianza por saírse dos roles previstos para elas, algo que minaba a miúdo a confianza sobre como divulgar e visibilizar os seus traballos”, sinala a profesora.

A docente destaca que aínda que a crenza de que a muller non tiña talento para as matemáticas estaba moi estendida no pasado, na actualidade segue sen erradicarse e “continúa vixente no imaxinario colectivo”. Neste sentido Verdejo remite a un artigo recente da revista Science que asegura “que as nenas aprenden a subestimar ao seu propio xénero a partires dos seis anos”, e explica que este tipo de estereotipos teñen un impacto a longo prazo na traxectoria vital e profesional das mulleres.

A importancia das mulleres matemáticas na docencia

“A historia das matemáticas e o papel das mulleres na mesma sempre foi un tema que me interesou”, recoñece Verdejo, polo que decidiu incluír un apartado sobre divulgación e historia na materia que imparte no Grao en Comercio, ao considerar que continúa a ser un tema “practicamente ausente das aulas de todos os niveis do ensino”. A profesora considera importante que as mulleres sexan co-protagonistas na historia xunto cos homes, “pois a ausencia de modelos femininos nos anos de formación está condicionando as saídas profesionais do alumnado, sobre todo o feminino”, explica. Esta situación foi a que a levou a compilar, contextualizar e dar forma a todo o material do que dispoñía sobre importantes figuras femininas relacionadas coas matemáticas. A docente xa publicara artigos e impartira charlas sobre o tema e confésase “satisfeita coa boa acollida que está tendo o libro para o tempo que leva en circulación, as opinións están sendo moi positivas”.

A obra conclúe cun epílogo que reflexiona sobre as matemáticas na ensinanza e cunha compilación de material sobre os libros de texto dende infantil ata bacharelato. O obxectivo da autora con esta publicación é incluír a historia das matemáticas no ensino, “e por tanto pór en pe de igualdade a mulleres e homes científicos”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: