fbpx
Asalto ó castelo / foto vimianzo.es

Os Irmandiños volven tomar pola forza o castelo de Vimianzo

Tempo de lectura: 2 min.

En 1467 as tropas dos Irmandiños asaltaban o castelo de Vimianzo. Derrubaban por completo o castelo ata os alicerces e liberaban a todos os habitantes das terras da xurisdición, repartidas entre os concellos de Camariñas, Laxe, Zas, Muxía e o propio Vimianzo, do terror da xustiza feudal. Mais tarde a irmandade foi derrotada e os labregos obrigados a reconstruír o castelo pedra por pedra. Mais as xentes de Vimianzo non esquecen a heroica batalla e, 551 anos despois daquela Guerra Irmandiña, volverán a asaltar lúdicamente o monumental castelo.

E que despois dunha semana enchida de actividades, mañá ás 23.30 da noite o castelo recibirá de certo o asedio das tropas sublevadas. Toda a vila armada con paos e utensilios de labranza e iluminando o lugar con fachos achegarase ata os muros do castelo para penetralo, tratando de derrubar as súas recias portas. Antes, a partires das 16.30 da tarde, no chamado “asaltiño”, a hoste dos Moscoso irrompirán na praza do concello facendo nome da súa tiranía. Despois o pobo reaccionará ás ultraxes e as 17.00 horas concentrarase na praza da igrexa para tratar de, por primeira vez, de asaltar o foxo do castelo. Despois, ás 18.00 haberá unha historia dramatizada do castelo no seu patio de armas.

E é que, xa ó longo de toda a semana, a vila de Vimianzo leva tramando erguerse contra os seus señores. Dende o martes 3 de xullo houbo obradoiros medievais para os cativos, mostra de artesanía ó vivo e visitas guiadas no castelo, Pinchos Irmandiños nos locais da vila, foliadas, espazos artísticos e representacións teatrais. Esta noite a partir das 21.30 celebrarase a Cea Medieval no foxo do castelo e a partires das 00.30 unha xornada de portas abertas, co Esconxuro da Queimada e un concerto folk. Mañá xa dende as 10.00 da mañá haberá a tradicional feira de artesanía, obradoiros infantís, baile tradicional, sesión vermú, música de raíz e grandes concertos. Este ano tocarán Inmaculate Fools, Amparanoia, e Terburalina. As dramatizacións teatrais estarán a cargo de Os Quinquilláns.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...