fbpx
Petróglifo de Mogor pola noite / http://danikxt.blogspot.com.es

Unha teoría sobre os petróglifos galegos e a súa orixe africana

Tempo de lectura: 5 min.

A presente entrada sobre os petróglifos galegos non pretende ser un estudio das características formais e simplemente descritivas dos diferentes tipos de petróglifos que podemos atopar en Galicia, xa sexan circulares, espirais, labirintos, zoomorfos, antropomorfos, armas, etc…

Si pretende, pola contra, afondar no significado oculto dos petróglifos, sobre todo daqueles máis abstractos como poden ser as espirais, as formas circulares e os labirintos. Estos últimos atópanse en rochas relativamente agochadas querendo indicar que atesouran un maior significado simbólico e esotérico, tan só ó alcance dos iniciados.

A abstracción preséntase, xa que logo, como a ferramenta perfecta para coñecer o oculto, para viaxar máis alá da Física e introducirnos de cheo no mundo da Metafísica e da especulación sobre a orixe do Universo. A través do debuxo, da xeometría e do deseño podemos achegarnos ó mundo da creación e da orixe das cousas, pois son actividades que comparten paralelismos e analoxías.

Os petróglifos (círculos, espirais e labirintos) representan as cosmogonías primixenias a partir das cales se inicia o relato da creación. A cronoloxía dos petróglifos abarca aproximadamente entre o 2.500 a.C e o 2.000 a.C, e parecen ter unha orixe africana ou polo menos recoller todo o saber e o coñecemento do mundo mediterráneo-africano nesa época, e como non, os avanzados coñecementos cosmográficos do Antigo Exipto como depositario do saber ancestral de África occidental.

Un dos petróglifos do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro nunha visita nocturna / paar.es

Teoría exipcia

Para comprender o significado simbólico e cosmogónico dos petróglifos temos que coñecer e facer alusión as diferentes cosmogonías sobre a creación dos antigos exipcios, particularmente a interesante cosmogonía Hermopolitana do Antigo Exipto.

Segundo o mito da creación que recolle a cosmogonía Hermopolitana, ó principio imperaba o caos, a desorde, simbolizada por un océano primixenio chamado Nun, que en lingua semítica quere dicir serpe. No Nun englóbanse todas as formas de existencia. O Nun, en forma de serpe, enróscase na vara do deus Thoth (mensaxeiro dos deuses e deus do coñecemento), que como demiurgo da creación co seu bastón coa serpe enroscada vai dando forma ó Universo.

Thoth era o deus de Hermópolis, e foi adoptado polos gregos coma Hermes Trismegisto co seu característico caduceo con duas serpes enroladas a unha vara, que tamén herdaría Esculapio como deus da mediciña para os romanos.

Tamén era unha serpe a malévola Apofis da mitoloxía exipcia. Apofis residía no océano e na escuridade, encarnaba o caos e tiña como función interromper o percorrido da barca de Osiris cara o inframundo, occidente, o Duat, e romper coa orde cósmica (Maat). Apofis representaba o mal, o mundo plástico, pero xamais sería destruida pois a súa existencia e o seu antagonismo eran necesarios para que o ben, o mundo elástico, fora posible. Apofis era chamada despectivamente “a tripa intestinal”.

O Nun, o caos líquido primixenio propio da pre-creación personificábase na cosmogonía Hermopolitana en oito deidades primordiais chamadas “as almas de Thoth”. Estas deidades distribuidas en parellas masculinas e femininas eran:

-Nun e Naunet que representaban o océano primordial e o caos.

-Heh e Heket que representaban o espacio infinito e ilimitado

-Kuk e Kauket que representaban as tebras e a escuridade

-Nia e Niat que representaban a vida, “o que se separa”, o vacío

A partir de ese líquido primixenio chamado Nun, xorde un montículo de terra que culmina o acto creativo enxendrando un ovo, o chamado ovo cósmico da creación, do cal xurdirá o sol. É o famoso ovo de Pascua na tradición cristiá.

Petróglifo con cervos visto pola noite / Rutea

Simboloxía

Se nos fixamos ben na maioría dos petróglifos circulares galegos altérnanse formas circulares a modo de rosca, espiral ou serpe, con un ou varios elementos axiais que parten do centro, a modo de recta ou rectas:

A recta simboliza a vara de Thoth-Hermes (demiurgo da creación) e o labirinto simboliza a serpe primixenia do Nun que se enrosca na vara.

A recta simboliza a orde cósmica Maat e o labirinto simboliza o caos.

A recta simboliza o mundo elástico e o labirinto simboliza o mundo plástico.

A recta simboliza a construción e o labirinto simboliza a destrución.

A recta simboliza o particular e o labirinto simboliza o ondulatorio.

A creación, o Universo, preséntase polo tanto como unha dicotomía entre dous mundos a través dos cales se expresa a Natureza según a ciencia hermética, por un lado o mundo plástico (a materia escura, a enerxía escura, a nada) e por outro lado o mundo elástico (a materia, a luz).

Alternado curvas e rectas podemos xerar calquera figura xeométrica ou iconográfica. Se predominan as curvas caracterizarase por ser un debuxo de gran plasticidade, e se predominan as rectas caracterizarase por ser un debuxo de gran elasticidade, un debuxo ordenado.

Quetzalcoatl

Esta sospeitosa dualidade tamén a observamos no deus americano Quetzalcoatl ou serpe emplumada, deus dual da Creación, onde a serpe representa o mundo plástico e escuro, e as plumas representan o divino e espiritual, o mundo elástico e a luz. Quetzalcoatl representa o erro e a perfección ao mesmo tempo.

No mito de Adán y Eva, a serpe enroscada na árbore do coñecemento do ben e do mal representa o coñecemento do saber oculto.

Este simbolismo tamén foi herdado con posterioridade pola masonería, onde a escuadra representa a recta e a orde (o mundo elástico), e o compás representa a curva, o mundo plástico ou a desorde.

O mesmo modelo dual primixenio tamén o atopamos nas antigas relixións das tribos do Paleolítico, como poden ser os onas ou selknam da Patagonia, onde na súa primitiva relixión básicamente rivalizaban unha deidade da orde e da creación que representaba o ben, e unha deidade da desorde, o caos e a destrución que representaba o mal.

Modelo en 3D do petróglifo pedra da Serpe | Fonte: patrimoniogalego.net

Cervos e armas

Outra figura representativa dos petróglifos galegos é o cervo. O cervo era un animal totémico que atesouraba unha fonda carga simbólica pola súa maxestuosa cornamenta. Os mecanismos de defensa dos animais sempre despertaron unha grande fascinación na Antigüidade, en tanto que trascendían á propia existencia particular do animal e á vida, para convertérense simplemente en elasticidade cuántica ou deseño intelixente, onde e coma no caso da actividade dos arquitectos e proxectistas, o futuro tiña a capacidade e a posibilidade de modificar o pasado, dando testimonio da omnisciencia e trascendencia de deus.

Por último, en canto as representacións de armas nos petróglifos galegos poden simbolizar a guerra e a destrución, o caos, e polo tanto, o mundo plástico, acadando connotacións cosmográficas. Tamén hai que ter en conta que nas datas de elaboración dos petróglifos tiveron lugar a chegada de xentes indoeuropeas ata Galicia, xentes guerreiras que trouxeron o carro, o cabalo e as armas de metal, polo que estos petróglifos poden ter un significado de primixenio reporterismo gráfico.

Resumindo, con curvas, rectas e puntos, pódese crear todo un Universo, coma no caso dos petróglifos galegos.

Ás veces as periferias atesouran as esencias.

Escrito por

Arquitecto, historiador e investigador

Pode que che interese...