Hórreo en Alfonso Molina na Coruña / foto HdG

Son as pintadas unha ameaza seria para ó noso patrimonio urbano?

Ryan. Así se fai chamar o vándalo que con bastantes poucas luces deixou a súa sinatura nun hórreo da Coruña. É o hórreo da Avenida de Alfonso Molina, unha peza icónica da cidade, entre un dos espazos comerciais máis grandes da urbe e a que é a rúa con máis tráfico de Galicia. O hórreo xa sufriu no seu día, no ano 1985, o traslado e a perda do seu entorno tras a construción do centro comercial, ó derrubarse as vivendas ás que pertencía e colocarse no lugar actual. Se ben non é a primeira vez que aparecen pintadas en hórreos de Galicia do entorno das grandes cidades si é a primeira vez que chegan a un lugar de tal visibilidade.

E é que dende comezos do mes de novembro o hórreo, nun lugar especialmente visible para quen circula en dirección saída da cidade pola avenida de Alfonso Molina, aparece cun mal chamado graffiti e o que semellan ser dous intentos máis de sinatura. As pintadas non so deslocen o seu aspecto senón que, o que é peor, poden estar a causar importantes estragos no propio granito das súas fiadas estragando a súa estrutura para sempre. Ata o momento, camiño de un mes despois da súa aparición, ninguén fixo nada por reverter ó acto vandálico.

Unha ameaza real ó noso patrimonio

Danan unha figura románica da Fachada de Praterías da Catedral de Santiago, co nome dun grupo de rock, Kiss

E é que o vandalismo por pintadas está a ter un impacto cada vez maior nas cidades galegas, chegando mesmo a elementos de especial interese patrimonial. É precisamente o caso da cidade da Coruña, na que nos últimos meses o tema pasou a converterse en polémica o chegar a monumentos como a Colexiata de Santa María, o mural homenaxe a Urbano Lugrís da praza de Pontevedra ou diversos lugares da Cidade Alta e da Pescaría. De feito estes estragos coinciden no tempo tamén co que no pasado verán se fixo na portada de Praterías, cando nun acto vandálico se estragou tamén unha figura do século XII, a pesares da presencia de cámaras nas rúas.

A polémica coincide ademais tamén, precisamente, con outra que están a recoller diversos medios a nivel nacional, despois de que varios grupos de vándalos irromperan de xeito agresivo no metro de Madrid para deixar a súa sinatura en varios combois. Nos medios de comunicación destacábanse o gasto anual que concellos ou empresas como Renfe teñen que facer para limpar estes estragos. Tamén a nivel galego coincide nun momento no que a Xunta prevé para estes delitos unha sanción urbanística grave tanto na futura Lei do Solo coma na polémica Lei de Rehabilitación.

Mais o que parece claro é que é, ante todo, un problema de sensibilización cos bens que son, antes que outra cousa, de todos. Xa que é un fenómeno que parece non respectar nin sequera o patrimonio cultural máis representativo, chegando de feito ó epicentro patrimonial de Galicia como é o casco histórico de Santiago de Compostela. Non é, porén, o único acto de vandalismo do noso patrimonio, xa que como levamos publicado no noso xornal, estas sucédense cada vez máis en Galicia, como a destrución da fonte da Praza do Campo de Lugo ou as inscricións na muralla. Semella que é, cada vez máis, un problema de sensibilización na que estase a desvalorizar dun xeito alarmante o patrimonio público.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: