fbpx
Depositan dous camións de esterco na necrópole megalítica do Chao do Marco, na parroquia de Fontarón / Patrimonio dos Ancares (Becerreá)

Depositan sobre unha das grandes mámoas dos Ancares dous camións de esterco

Tempo de lectura: 2 min.

Cando os do Colectivo Patrimonio dos Ancares estabamos a realizar un informe sobre as 37 mámoas situadas a ambos lados da estrada provincial LU-708, que comunica O Cereixal e Louxas, para entregarllo aos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna (municipios onde se atopan) e solicitar unha entrevista para que se protexan e sinalicen, tanto para evitar a súa destrución como para converter esta ruta nun atractivo turístico, démonos de cara cunha nova agresión.

Trátase dunha mámoa da necrópole megalítica do Chao do Marco, na parroquia de Fontarón (Becerreá), a máis grande do concello, con case trinta metros de diámetro, e a primeira das catalogadas no municipio nos anos noventa do pasado século XX, e tamén a máis coñecida. Catalogada co código GA27006013.

Sobre a mámoa despositaron dous camións de esterco de granxa de polos (o olor característico e as plumas así o delatan). Os camións deixaron as rodeiras sobre o túmulo, e tamén se ven rodeiras de tractor para cargar o esterco e levalo para abonar outros terreos, o que lle ocasionaron ao enterramento uns sucos considerables. É como se o fixeran a propósito xa que hai terreo de abondo para descargar o esterco. Pero non, foron a depositalo xusto sobre a mámoa.

A necrópole megalítica do Chao do Marco, na parroquia de Fontarón (Becerreá), resultou afectada por un camión e un tractor que depositaron nela esterco / Patrimonio dos Ancares

Denuncia

Debido á gravidade agresión, o luns imos presentar denuncia ante Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona), ademais de dirixirnos ao Concello de Becerreá por se o feito poidera vulnerar algunha norma urbanística xa que nun espazo protexido está totalmente prohibido o depósito de materiais, solicitándolle a este se nos informe si se solicitou permiso para tal acción. Os Concellos que non conten con Plan Xeral de Ordencación Municipal (PXOM), como é o caso do de Becerreá, teñen que consultar o Plan Básico Autonómico (PBA), obrigatorio para os Concellos que non dispoñan do devandito plan.

A finais do pasado mes de febreiro denunciamos a destrución e agresión a nove mámoas desta ruta por labores de tala e repoboación forestal. Neste caso tamén solicitamos a Patrimonio que se impoña sanción por falta grave o que pode conlevar unha multa que oscila entre os 6.000 e 150.000 euros.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...