fbpx
Recreación dun caudillo viquingo / legadohistoria.blogspot.com.es/

A xenética desmonta o mito da “pureza racial” dos viquingos: non eran altos, loiros, nin de ollos azuis

Tempo de lectura: 3 min.

Era un pobo guerreiro e comerciante. Conquistou partes de Asia, Groenlandia, Europa e chegaron ao continente americano ao redor do primeiro milenio despois de Cristo. Ata agora, a imaxe deste pobo nórdico estaba asociaciado a unha clara tipoloxía xenética de “pureza racial”: supostamente eran altos, loiros e de ollos azuis. Pero, precisamente, un recente estudo  xenético desmonta este mito. Non todos eran como os describen nas novelas ou os caracterizan nas películas ou series televisivas.

“Os resultados cambian a percepción de quen eran realmente os viquingos. Os libros de historia terán que actualizarse”, indicou nun comunicado da Universidade de Cambridge o xenetista evolutivo Eske Willerslev,  que lidera o estudo. Unha investigación que levou á análise xenética de máis de 400 esqueletos viquingos en diferentes locaciones de Irlanda, Islandia, Groenlandia, Polonia, Ucraína, Reino Unido e Rusia e que foi realizada por científicos da Universidade de Copenhague (Dinamarca) e de Cambridge (Reino Unido). Os resultados foron publicados o mércores na revista Nature.

Na investigación secuenciouse material de ADN das mostras, logo analizárono computacionalmente, comparárono con outros xenomas antigos e actuais e interpretaron os resultados “no seu contexto cultural e histórico”.

Recreación dunha loita entre viquingos e cristiáns / forum libertas

Estudo de seis anos

“O estudo tomou máis de seis anos desde a súa concepción e involucrou a recolección de mostras de ósos de sitios e museos de toda Europa en colaboración cun gran equipo de arqueólogos”, explica a BBC Mundo Fernando Racimo, un dos autores e experto do Centro de Xeoxenética da Universidade de Copenhague. “Todo o esforzo involucrou a un gran equipo de xenetistas, estatísticos, arqueólogos, lingüistas e historiadores”, sinala.

Dacordo coa reseña publicada en Nature, os investigadores partiron polo suposto de que a expansión marítima das poboacións escandinavas durante a era viquinga (ao redor de 750-1050 d. C.) foi unha transformación profunda na historia mundial. Por iso é polo que o equipo secuenciou os xenomas de 442 humanos (incluídos homes, mulleres, nenos) de sitios arqueolóxicos en Europa e Groenlandia para comprender a influencia global desta expansión. “Agora temos unha imaxe moi detallada da estrutura xenómica dentro e fóra de Escandinavia durante a era viquinga e do impacto xenético das expedicións viquingas por todo o continente”, apunta Racimo.

Tiñan xens de Asia e do Sur de Europa

“Concluímos que a diáspora viquinga caracterizouse por un compromiso transrexional substancial: distintas poboacións influíron na composición xenómica de diferentes rexións de Europa e Escandinavia experimentou un maior contacto co resto do continente”, indica o estudo.

Así, para sorpresa de moitos e, contrario á frecuente teoría da “pureza racial” do grupo, descubriron que os viquingos, xeneticamente, non só procedían de Escandinavia, senón que tamén tiñan ADN de Asia, do sur de Europa e as Illas Británicas. “Tamén vimos que a ascendencia do sur de Europa aumentou no sur de Escandinavia durante a era viquinga, probablemente debido ao aumento das rutas comerciais e a frecuencia das expedicións ao sur do continente e viceversa”, apunta Racimo en BBC Mundo.

“A nosa investigación desacredita a imaxe moderna dos viquingos con cabelo louro, xa que moitos tiñan cabelo castaño e estaban influídos pola xenética do exterior de Escandinavia”, indicou Willerslev no comunicado de Cambridge.

Veciños caracterizados como viquingos na Romaxe Viquinga do Vicedo / Cadena Ser

Xens celtas

A investigación suxire que ser viquingo era máis un concepto e unha cultura que unha cuestión de herdanza xenética, como se cría até agora. De feito, o equipo descubriu que dous esqueletos viquingos enterrados nas illas do norte de Escocia tiñan herdanza escocesa e irlandesa, pero ningunha escandinava, polo menos xeneticamente.

“Sorprendeume particularmente a cantidade de mestura que se produciu entre os viquingos e a xente local dentro de cada unha das rexións que estudamos. A miúdo atopamos que varios individuos que eran “culturalmente” viquingos ou enterrados á maneira viquinga tamén tiñan afinidades de ascendencia cos pobos locais, por exemplo, persoas de tipo celta no oeste e as illas do Atlántico norte”, destaca Racimo a BBC Mundo..

O estudo tamén suxire que os barcos viquingos nas súas expedicións estaban formados en ocasións por membros dunha mesma familia ou que se asociaban nas súas viaxes polas poboacións ou rexións que habitaban.

Pode que che interese...