fbpx
Esqueletos da Idade Media atopados na capela do Pilar da catedral de Lugo | Fonte: López-Costas O. 2012. Antropología de los restos óseos humanos de Galicia: Estudio de la población romana y medieval gallega, Universidad de Granada, Tese doutoral

Esta é a historia dos 15 corpos soterrados na Catedral de Lugo hai 600 anos

Tempo de lectura: 2 min.

Na capela do Pilar da catedral de Lugo, os esqueletos de 15 individuos soterrados alí gardan historias persoais representativas da sociedade luguesa e galega na Baixa Idade Media. 955 elementos esqueléticos revelan que se trataba de individuos que viviron comodidades que a inmensa maioría dos cidadáns da época non coñeceron, probablemente polos seus vencellos co clero.

Tres investigadoras asinan unha nova achega científica coa que pretenden reconstruír as historias biolóxicas das persoas enterradas na capela real da catedral de Lugo, coñecida como a capela do Pilar desde o século XVII. Unha reconstrución que nos permite coñecer mellor como era a sociedade galega nos séculos XIV e XV, nos que se datan a maioría dos esqueletos achados e analizados.

Olalla López Costas, responsable do grupo EcoPast da Universidade de Santiago de Compostela (USC), asina no International Journal of Osteoarchaeology un traballo sobre as “historias biolóxicas” daqueles individuos, canda Gundula Müldner, do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Reading (Reino Unido), e Kerstin Lidén, do Laboratorio de Investigación Arqueolóxica da Universidade de Estocolmo (Suecia).

A situación das tumbas na catedral e a súa manufactura indican que os esqueletos pertencían a “unha clase social acomodada ou alta e moi relacionada coa igrexa”. Os estudos realizados indican que os enterramentos na zona da capela do Pilar datan da Baixa Idade Media, cando se produciron cambios importantes que reestruturaron a cidade de Lugo, principalmente un forte apoxeo da burguesía e o asentamento das ordes mendicantes, como xa avanzou Olalla López na súa tese doutoral, ‘Antropología de los restos óseos humanos de Galicia: estudio de la población romana y medieval gallega’.

De feito, como clarifica esta autora, “malia que os documentos testamentarios que chegaron aos nosos días son relativamente poucos, sabemos que os artesáns se enterraban no cemiterio ao redor da igrexa, mentres que os individuos relacionados directamente co clero e as súas familias, normalmente nobres, facíano no interior”.

Polo tanto, tendo en conta a situación das tumbas dentro da catedral e a súa manufactura e calidade dos materiais utilizados, deduce que os esqueletos enterrados nesta capela pertencían a “unha clase social acomodada ou alta e moi relacionada coa igrexa”. De feito, lembra, “as capelas da catedral de Lugo foron construídas baixo mecenado de diversas familias nobres que moitas veces se enterraban nelas; ademais, os capeláns tamén posuían ese dereito”. Toda a información no Galicia Confidencial.

Pode que che interese...