fbpx
Imaxe dun dos bancos panorámicos situados no castro de San Sebastián de Touro / Colectivo A Rula

Outro “mellor banco do mundo” que dana o patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

Cada vez é máis habitual observar nos cumes das nosas montañas bancos para obvervar unha fermosa paisaxe de forma panorámica, sacarse unha foto e subila ás redes sociais. En Touro, tamén se apuntaron a esta moda do “mellor banco do mundo”, mais colocaron catro bancos no Coto de San Sebastián de Touro onde se atopa o castro de San Sebastián.

Dende a Asociación Cultural Colectivo A Rula, denuncian o gasto de cartos públicos neste tipo de acción que danan o patrimonio cultural. Os bancos foron colocados sobre bases de formigón cunha “profundidade que descoñecemos”.  Segundo comentan na súa páxina web, nada máis coñecer este feito contactaron co Concello de Touro para pedir explicacións.

Imaxe dun dos catro bancos situados no castro de San Sebastián en Touro

Recibiron unha resposta por escrito da administración local. “O Castro de San Sebastián sufriu ao longo de anos varias actuacións que deterioraron o seu cerramento: o acondicionamento do terreo para celebración de festas, a construción dun acceso pavimentado ou a instalación de dous reemisores de televisión e telefonía; polo que a instalacións dos bancos de madeira non altera nada o seu valor”, lese no escrito remitido polo concello á Rula que se adxunta na súa denuncia a través da súa web.

Dende o Colectivo móstranse cansos e, pese a que nun primeiro momento non quixeron “facer ruido”, agora fan públicos estes feitos que tamén foron denunciados ante a Delegación Territorial da Dirección Xeral de Patrimonio.

Pode que che interese...