fbpx
Escavación ilegal realizada no castro de Vence, en Rodeiro / Antonio Presas

O castro de Vence, un exemplo de como espoliar sistematicamente o noso patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

A finais de marzo de 2012 arderon as Fragas do Eume. Un lume que causou un gran impacto nun dos grandes lugares protexidos de Galicia. Pero ese ano tamén houbo outros moitos lumes no país. Un deles afectou ao concello de Rodeiro e queimou o castro de Vence, que está ao lado da Vila de Rodeiro.

O Castro de Vence (catalogado como GA36047001) é unha fortificación que aparece co nome de “Castelum OLCA” nunha estela funeraria atopada no Agro de Vila hai uns 100 anos.

Situación do Castro de Vence, en Rodeiro / Antonio Presas

Segundo suliña o divulgador Antonio Presas ata esa data o castro era practicamente impenetrable para calquera visitante, “a non ser para os saqueadores do Patrimonio que ata podían ir en pleno día, cos seus detectores de metais”. “Nin o Cuartel de Garda Civil, que estaba a 400 metros de distancia en liña recta (dirección NL) foi unha medida disuasoria”, engade.

Por mor destes lumes e o seu abandono a croa do Castro de Vence, Castelum Olca, converteuse nun pedregal (pedras de paredes de vivendas castrexas tiradas por todas partes, diversos restos arqueolóxicos á vista, buratos de diferentes tamaños)…... “Case non había sitios nos que non andiveran fozando”, indica Presas.

Restos dunha escavación ilegal realizada no castro de Vence, en Rodeiro, tras un lume / Antonio Presas

Na visita que el mesmo fixo ao castro no mes de maio 2012 contabilizou 15 escavacións realizadas á man na croa do castro, na procura de supostos tesouros. “Este foi un caso paradigmático, seguramente o castro máis espoliado de todos, pero non o único, porque no concello de Rodeiro sabemos de moitos outros”, conclúe.

Pode que che interese...