fbpx
Pinturas renacentistas na igrexa de Nogueira de Miño / xunta.gal

Onde está a Capela Sixtina galega?

Tempo de lectura: 2 min.

Hai un meandro que forma o río Miño no Cabo do Mundo, en Chantada. Un lugar fermosisimo no que o viño e o río son os protagonistas. E nese meandro está unha das xoias artísticas de Galicia, a igrexa de Nogueira de Miño, considerada por algúns autores como a Capela Sixtina galega con fermosas pinturas renacentistas.

Todas as paredes de Nogueira de Miño e o arco toral están cubertas por murais que teñen continuidade e que funcionan coma unha soa peza na que se van explicando distintas escenas bíblicas. No arco toral están representados a Anunciación, a Trinidade e o martirio de San Sebastián. As pinturas teñen continuidade cara o muro norte, onde se pode aprezar o Xuízo Final e cara o muro sur, coa Coroación de Santa María e a Resurrección de Cristo.

O mural ofrece unhas escenas moi peculiares do manierismo galego coma a figura do Pantocrátor, na cimeira do arco toral, o arcanxo Gabriel anunciando a María, que concibiría un varón, o mesías, por obra do Espírito Santo, representado nunha pomba. Tamén destaca o martirio de San Sebastián.

Distintas imaxes da igrexa e das pinturas de Nogueira de Miño / xunta.gal

O templo constrúese baixo a xurisdición do mosteiro de San Salvador de Asma a finais do século XII e sitúase estilisticamente nun románico de transición. Posúe unha planta rectangular con ábsida cadrada e cuberta de tella a dúas augas. A ábsida ten un arco triunfal de medio punto, columnas adosadas e capiteis con decoración variada. Da súa fábrica románica chegaron ata a actualidade a nave e a devandita ábsida. No século XVIII refórmase a igrexa construíndo unha nova fachada barroca na que se inclúe o antigo rosetón e elévase a torre do campanario.

Visitas

A Xunta estivo divulgando este ben a pasada semana para explicar o proceso de rehabilitación dos frescos, falando das capas pictóricas subxacentes que se atoparon e doutros aspectos curiosos relacionados coa plástica do templo.

A actual restauración do retablo e das pinturas do presbiterio de Santa María de Nogueira concluirá a finais do presente mes de xullo. Estas obras foron contratadas pola Xunta de Galicia e cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e contan cun investimento de 52.584,23 euros.

A Consellería de Cultura e Educación leva investidos neste templo durante os últimos 5 anos preto de 130.000 euros na restauración e posta en valor deste ben sobranceiro. En concreto, actuouse na restauración das pinturas murais dos muros norte e sur, nos anos 2012 e 2014 respectivamente, e na recuperación integral da cabeceira, que inclúe as pinturas murais e o retablo, nos anos 2016 e 2017.

 

Pode que che interese...