fbpx
Castro de Viladonga, en Outeiro de Rei / fotoxunta.gal

Desaparecerán os eucaliptos dun dos castros mais impresionantes de Galicia?

Tempo de lectura: 3 min.

O castro de Viladonga, en Castro de Rei, é o xacemento castrexo mellor conservado da provincia de Lugo. Este ben protexido, cun gran museo do mundo castrexo, e referente mundial na investigación arqueolóxica, está rodeado por un anel de eucaliptos que varios investigadores teñen alertado que poden poñer en risco o monumento en caso de incendio, ademais de tapar completamente boa parte da visibilidade do mesmo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anunciou este domingo que investiraá preto de 195.000 euros nunha nova intervención que acomete desde a semana que entra a empresa Terra Arqueos baixo a dirección do arqueólogo Miguel Ángel López Marcos. Unha intervención que, en parte, tentará paliar esta situación xa que a actuación arqueolóxica contempla a realización dunha intervención de carácter integral (limpeza, escavación, consolidación e acondicionamento) sobre amplos espazos localizados no ángulo nordés da croa do castro de Viladonga que supoñen unha superficie de actuación de aproximadamente 1.300 m². Así mesmo, acondicionarase a parte superior da muralla principal do xacemento coa finalidade de regularizar o seu acceso e mellorar a súa accesibilidade.

O castro de Viladonga rodeado de eucaliptos / Arte, cultura y viajes - WordPress.com

O castro de Viladonga rodeado de eucaliptos / Arte, cultura y viajes – WordPress.com

Limpeza e retirada de vexetación

En concreto, as actuacións que se van desenvolver nesta campaña inclúen a roza, limpeza e retirada de vexetación na croa e antecastro, incluíndo as murallas, parapetos e fosos. Ademais acometeranse traballos de escavacións no espazo 14 e nas áreas AE1, AE2 e AE6 e de limpeza e consolidación das estruturas nestes mesmos espazos, tanto das coñecidas como daquelas que poidan aparecer no transcurso desta actuación, a efectos de garantir a súa máxima conservación e protección. Así mesmo, acondicionaranse os restos arqueolóxicos exhumados nestas áreas.

Por outra parte, acondicionarase o paseo superior da muralla do castro, o que inclúe a colocación de chanzos de madeira ben integrados na pendente existente, e dunha varanda acorde co entorno, ademais da regularización e compactación do camiño para aportar unha maior seguridade. Igualmente, o proxecto contempla o acondicionamento e posta en valor do corte existente no sistema defensivo do castro, de forma que os visitantes poidan visualizar os diferentes compoñentes estruturais da muralla e do foso. Ademais, executaranse as ramplas necesarias para mellorar a accesibilidade das zonas de actuación dentro do itinerario do castro, e instalaranse nalgúns puntos varandas de madeira para maior seguridade dos visitantes.

Visita de membros da Consellería de Cultura ao castro de Viladonga / xunta.gal

Outras actividades

De forma paralela á campaña organizaranse visitas guiadas, charlas e diferentes accións de divulgación da mesma. Ademais, no marco desta actuación, actualizaranse os dous paneis informativos xa existentes no xacemento e instalaranse dous novos paneis informativos sobre o sistema defensivo do castro. Non en balde o obxectivo xeral das actuacións desenvolvidas nestes últimos neste xacemento é mellorar o estado de conservación das estruturas atopadas na croa do castro, así como facilitar a súa comprensión e accesibilidade ao público en xeral.

Os traballos cofináncianse nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, e súmanse aos desenvolvidos neste castro nos últimos anos, ata sumar un investimento total por parte do departamento de Cultura da Xunta de Galicia de preto de 500.000 €.

O prazo de execución da intervención é de 8 meses, aínda que os principais labores de campo (limpeza, escavación, consolidación e acondicionamento do xacemento) e a divulgación realizáranse fundamentalmente nos meses de setembro, outubro e novembro do 2018. A sinalización dos restos e o traballo de laboratorio realizarase a posteriori.

O castro de Viladonga é un xacemento arqueolóxico da Idade do Ferro e de época romana que destaca polos seus valores científico e patrimonial, así como polo seu potencial como recurso cultural, dado que se trata dun dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia. O espazo, no que se leva actuado desde os anos 70 do século XX e que ten a consideración de Ben de Interese Cultural, recibiu o ano pasado case 26.000 visitas.

Pode que che interese...