Os arquitectos galegos unen forzas contra a destrucción do patrimonio no Día Mundial da Arquitectura
O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o próximo luns, 1 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema “Arquitectura … para un mundo mellor”, de acordo á convocatoria anual –que coincide co Día Mundial do Hábitat das Nacións Unidas– da Unión Internacional de Arquitectos (UIA). O Día Mundial da Arquitectura ten por obxecto chamar a atención de profesionais e público en xeral sobre cuestións relativas á mellora nas cidades e a vivenda.

Cartel do Día Mundial da Arquitectura
Segundo a declaración da UIA, a arquitectura pode axudar ao planeta a enfrontar dous dos seus problemas máis graves: a degradación ambiental e necesidades humanas cada vez maiores. “Os arquitectos poden axudar a reverter os patróns que destrúen o patrimonio, degradar o hábitat, desperdiciar recursos e perpetuar os desequilibrios sociais”, sinala a entidade nun comunicado.
Ademais, subliña que a arquitectura pode mellorar o mundo, para todas as persoas, e a través do deseño pódese axudar a deter a destrución de paisaxes naturais e valiosas terras agrícolas, e a cumprir coa asombrosa escala global da necesidade humana, gran parte dela concentrada nas cidades máis grandes.
“Os arquitectos do mundo, que actualmente suman uns 3,2 millóns, comparten o compromiso de proporcionar servizos básicos para todas as persoas, facer as nosas cidades máis limpas e máis fortes, axudar á xente necesitada, e para proporcionar espazos públicos máis seguros e accesibles para todos”, engade.
Seguindo esta pauta, as delegacións do Colexio de Arquitectos de Galicia compartirán no Día Mundial da Arquitectura e ao longo de toda a semana as súas vontades e capacidades “para procurar un mundo mellor a través da arquitectura”.
Esta é a programación:
DELEGACIÓN | ACTIVIDADES SEMANA DA ARQUITECTURA |
A CORUÑA | Exposición dunha selección de Proxectos de Fin de Grao dos arquitect@s recentemente titulados pola ETSAC |
FERROL | Percorrido pola reurbanización da rúa Alegre e Cruceiro de Canido |
LUGO | Xornada-coloquio sobre o “Deseño da cidade” e proxección do documental “URBANIZED: O deseño das cidades” |
OURENSE | Mesa redonda con representantes de diferentes sectores produtivos que analizarán as súas fortalezas e oportunidades para mellorar o seu contorno |
PONTEVEDRA | Visita guiada á Illa de Ons –contorna do Faro, a recente actuación no camping e o xacemento arqueolóxico da praia de Canexol– |
SANTIAGO | Visita guiada ao Pazo de Ramirás –antigo Colexio dos Irlandeses– |