1967, o ano no que Ferrol quixo que Franco quedara para a posteridade na cidade
Medio século e dous anos. Ese é o tempo que pasou dende aquel ano 1967 no que o Concello de Ferrol se esforzaba en converter a Francisco Franco no fillo máis ilustre da cidade. Foi durante o mandato de Rogelio Cenalmor Ramos e foi o ano no que se proxectou e construíu a enorme estatua ecuestre colocada na praza de España. Pero foi tamén o ano no que o consistorio lle regalou ó daquela Xefe do Estado un panteón no novo cemiterio de Catabois.
Estaba claro, as autoridades da cidade de Ferrol querían ó ditador entre eles. Mais Franco nunca elixiu o cemiterio ferrolán para enterrarse, senón que como ben é sabido nestes días, elixiu o cemiterio de El Pardo, ó pé da súa residencia e onde se atopa enterrada Carmen Polo. Despois, por expreso desexo do rei Juan Carlos I, foi enterrado no complexo monumental do Valle de los Caídos.
Pola contra a día de hoxe si hai familiares de Franco enterrados en Catabois. Non familiares descendentes, senón os seus avós paternos, unha irmá e unha tía. Os seus descendentes defuntos atópanse en cemiterios da capital de España. No documento de cesión fálase dun agasallo “en atención á gran débeda de gratitude que esta cidade ten co seu fillo máis ilustre”. Un fornelo que se cedería sen custo algún e ningún pago polo seu uso.
Pola súa banda a estatua ecuestre que se erguía no centro da cidade de Ferrol foi tamén un elemento daquel ano 1967. Foi fundida nas naves de Bazán aquel mesmo ano e pagada mediante una campaña na que se chegaron a xuntar 2,6 millóns de pesetas. Foron aportadas por bancos, algúns particulares e Concello, chegando a aportar este último a metade de aquel montante. Foi retirada no ano 2002 sendo alcalde o nacionalista Xaime Bello Costa.
Mais todos estes agasallos ó ditador proviñan dunha mesma iniciativa, a do alcalde Rogelio Cenalmor Ramos, chegado tan so un par de anos antes o consistorio. Foi un avogado de profesión, de familia acomodada, que foi ademais procurador das Cortes pola provincia da Coruña entre 1961 e 1964. Durante a época democrática militante e candidato ó Senado por Alianza Popular. Finaría en decembro de 1990.