fbpx
Castro Ventosa / foto Turismo de Cacabelosb

Esta é a historia do excepcional castro que lle dá nome a toda a comarca do Bierzo

Tempo de lectura: 4 min.

Cando no ano 25 a.C. os romanos conquistaron o Bierzo atoparon unha gran cidade. Estaba localizada xusto no centro do gran val que é a comarca, dotada de fortes defensas e situada sobre unha elevación natural que lle confería vistas sobre toda a gran chaira. Era a cidade de Bergido o gran castro do Bierzo, probablemente o maior de toda a comarca.

Non é de estrañar que o seu nome significara precisamente “cidade fortificada no alto”, pois contaba cunha raíz celta “berg-” que significaba alto e unha terminación romana “-dunum” que fai referencia ás cidades fortificadas. O nome do Bierzo fai polo tanto referencia ó xacemento deste castro hoxe chamado popularmente Castro Ventosa.

Castro Ventosa, a súa muralla de case un quilómetro / foto José Antonio Gil MartínezCCBy Wikimedia

O gran castro do Bierzo

Mais a chaira xa estaría ocupada moito antes, coas primeiras sociedades neolíticas. Sobre as terrazas do veciño río Cúa atopáronse achados como pedras de corte ou puntas de lanza, hoxe no museo de Cacabelos. O lugar doado de defender e na proximidade de terreos de labor e fontes de auga fixérono o enclave perfecto para o asentamento, e para o posterior desenrolo dunha cidade.

O castro está constituído como unha gran meseta rodeada de murallas, a uns 640 metros de altura sobre o mar. Ten planta alongada e redondeada orientada en dirección NE-SO con 425 m de longo por 108 de ancho na súa parte máis estreita e 168 na máis ancha. O perímetro amurallado ten preto de un quilómetro de longo construídos con cachotería de canto rodado e cun groso do redor de 4 metros.

O castro estaría habitado dende o 700 a.C., segundo a cerámica atopada nel, ata o século I a.C., momento no que Floro e Orosio relatan nas Guerras Cántabras a ocupación da zona. Tamén a obrigatoriedade de facer baixar á poboación das cidades do alto ó chan. Mais este non sería o final da cidade.

Castro Ventosa / foto FCPBCCBy Wikimedia

A cidade de Bergidum Flavium

Coa chegada de Roma, a paz e a obrigatoriedade de asentarse no chan, naceu unha nova cidade moi preto da antiga Bergido. Estaba xusto ó outro lado do río Cúa, se cadra baseada nun antigo campamento. Era unha cidade de planta cuadrangular dividida por cardus e decumanus, no lugar que hoxe ocupa unha parte da vila de Cacabelos.

Sería con toda a seguridade a cidade máis importante da comarca durante a época romana. Durante a época Flavia, concédeselle o edito de latinidade de Vespasiano pasando a denominarse Bergidum Flavium, adquirindo así cidadanía latina.

Cacabelos, xacemento da Edrada / foto cacabelos.org

Foi un lugar de importancia capital, non so pola súa poboación e importancia administrativa senón sobre todo polo seu papel de nó de comunicación de vías romanas. Bergidum é o punto onde conflúen as dúas grandes vías que cruzaban a Gallaecia, a vía XVIII (Vía Nova) que unía Asturica Augusta con Bracara Augusta e a vía XIX (Per Loca Marítima) que as unía con Lucus Augusti.

Reocupación e Idade Media

Coa auxe de Bergidum Flavium o antigo castro ficará deshabitado. Mais non por moito tempo. Pois a súa posición privilexiada deu seguridade en tempos difíciles. É por isto que que se constata a súa reocupación no Baixo Imperio a partires do século III. As crises desta época produciran precisamente o efecto contrario que coa chegada dos romanos, abandonando as chairas en busca dos antigos asentamentos no alto.

Castro Ventosa / foto José Antonio Gil MartínezCCByWikimedia

A partires de aquí se sigue nomeando a cidade máis xa non está tan claro a cal dos dous enclaves. Aparece nomeado como Bergidum no Parroquial Suevo (572-585), tamén no parroquial de Wamba (672-680) citado por San Valerio, no que se recoñece como capital deste territorio, chegando a acuñar moeda. Tamén se atopan restos do século IV no castro.

Un recurso excepcional

Mais sexa cal fora a súa localización o certo é que para a época de Xelmírez a cidade volvería estar no baixo, mais non na localización exacta do xacemento da Edrada, identificado como Bergidum Flavium, senón lixeiramente ó sur desta. A cidade que formaba parte da mitra compostelá será daquela repoboada por Xelmírez, sendo o actual burgo coñecido como Cacabelos.

Porén, hoxe Castro Ventosa é hoxe un recurso cultural e turístico excepcional. Atópase xusto no centro do Bierzo, e o pé da singular vila histórica de Cacabelos. Atópase tamén musealizado e parcialmente escavado, e os seus achados e da súa contorna poden verse non moi lonxe, no Museo Arqueolóxico Municipal de Cacabelos.

Vila de Cacabelos / foto cacabelosorg

Está, ademais en pleno Camiño de Santiago, e nun lugar aínda moi pouco modificado alén dos moitos viñedos. Atópase tamén moi preto de outros recursos de primeira magnitude na comarca como a preciosa vila, a ponte sobre o Cúa ou o rehabilitado mosteiro de San Salvador de Carracedo. Un lugar excepcional para coñecer e desfrutar da historia e patrimonio do Bierzo.

Castro Ventosa / foto Turismo de Cacabelos

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...