fbpx
Lancha xeiteira "Nova Marina" e dorna de tope "Peza de Rabo" / foto Aguamorta flikrCCBy

A historia de Staffan Mörling, o sueco que estudou as embarcacións tradicionais de Galicia e que casou cunha galega de Ons

Tempo de lectura: 2 min.

Etnólogo e antropólogo sueco. Estudou Latín, Historia da Arte e Antropoloxía na Universidade de Lund, en Suecia. Mais na década de 1960 mudou para sempre á súa vida ó trasladarse a Galicia. Foi en concreto á illa de Ons onde comezou a estudar a excepcional tradición das lanchas e dornas galegas.

Nacera en Karlstad, Värmland, Suecia, en decembro de 1936, e, 25 anos despois, trasladouse a Galicia para facer a súa tese de doutoramento sobre as pequenas embarcacións tradicionais. Foi un verdadeiro referente neste campo e boa parte do coñecemento e da apreciación que temos hoxe delas débese a este estudoso no namorado da nosa terra.

Alí, na illa de Ons, coñeceu á súa dona, Xosefa Otero, unha costureira da illa que ficará ó seu lado ó longo da súa vida e que manterá a Staffan ligado a Galicia para sempre. Mörling foi tamén profesor de idiomas na Escola Naval de Marín, foi Cruz do Mérito Naval e Fillo Adoptivo de Bueu, onde ten adicado unha rúa.

Lancha xeiteira en Rianxo / foto Xoan Antón LmbugaCCBy Wikimedia

Na década de 1960 percorreu todo o litoral galego, para estudar todas as embarcacións galegas, as súas tipoloxía e nomes. No ano 1989 publicou As embarcacións tradicionais de Galicia, e coas súas publicacións deu a coñecer e dignificou as diversas embarcacións galegas como a dorna, a chalana ou a xeiteira, ós que denominou afectuosamente os “barcos dos pobres”.

Tamén formou parte dun gran movemento asociativo ó redor destas embarcacións axudando a crear a  así como a crear Federación Galega pola Cultura Marítima (hoxe Culturmar), con sede en Cambados. Fixo tamén posible a participación de Galicia na Festa Marítima Internacional de Brest (Bretaña). Staffan Mörling finou o pasado día 15 de maio, ós 84 anos de idade, co recordo das nosas xentes do mar.

Chalana / foto Luis Miguel Bugallo Sánchez LmbugaCCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...