fbpx
Machadas. Montaxe

Estes son as outras machadas rituais dos castros galegos, irmás da atopada en Viladonga

Tempo de lectura: 4 min.

O Museo do Castro de Viladonga daba a gran nova no día de onte. Atopábase unha machada votiva ou ritual de bronce excepcionalmente decorada durante as escavacións no alxibe de castro. A rica peza, datada no século III a. C., chamaba atención de todos os medios pola súa singular decoración, cun torques, sogueados, un xabarín, un cervo e un touro.

É sen dúbida a máis excepcional machada ritual atopada en Galicia, e danos conta da capacidade artística e técnica, mais tamén social, da cultura castrexa. Mais apesares do singular deste achado non é a única. Nos castros galegos foron aparecendo outras machadas decorativas que polas súas características poden considerarse as irmás menores da peza de Viladonga.

Machada sacrifical achada no castro de Viladonga en Lugo / foto Xunta de Galicia

Machada de Cariño

É sen dúbida a máis semellante á de Viladonga, e por este motivo apareceu xunto á ela nas redes sociais. Está depositada no Museo Arqueolóxico da Coruña, do Castelo de Santo Antón, mais atopouse na praia de Basteira, en Cariño. É tamén de bronce, e lixeiramente máis longo, de 16,8 cm. Tamén con excepcional decoración.

O machado presenta tamén dous aneis de suspensión na parte traseira e outros dous de menor tamaño xunto ó extremo proximal ou “folla”. O mango é de sección romboidal e nos extremos, respectivamente, ten unha esferiña e un touro. Igual que no de Viladonga representa  nun dos seus lados un torques. A peza estivo na exposición Galicia Terra Única do ano 1997.

Machada ritual de Cariño / foto Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña

Machada do castro da Atalaia

Tamén de bronce, foi  atopada no ano 2008 durante unha escavación no xacemento de Punta Atalaia, en San Cibrao, e se exhibe tamén no museo do castro de Viladonga. Do mesmo xeito que en Viladonga apareceu rodeado doutros elementos como fragmentos cerámicos, lítos, metais e moedas.

Neste caso destaca polo seu excelente estado de conservación, xa que apareceu recuberto dun gran manto de area que o protexeu do paso do tempo. Porén é moi diferente dos anteriores. Neste caso destaca polo seu sogueado mentres un dos seus extremos é xeométrico mentres o extremo proximal ou “folla” parece formar conxunto coa representación zoomorfa do que semella unha cabeza de carneiro.

Machada do Deza

Outra dos machadas votivas da Idade do Ferro foi atopado na comarca do Deza, nun castro de Lalín, e hoxe atópase exposto no Museo de Pontevedra. No seu día foi dixitalizada en 3D por Dimenso para a app “A Máquina do Tempo” do Consello da Cultura Galega.

Aínda que a súa estrutura é semellante esta pequena machada presenta unha decoración algo diferente. En lugar dun sogueado presenta unha estrutura estriada composta de voceis que se ensancha na zona mesial. Presenta tamén un zoomorfo, aparentemente un carneiro, un torques e o que semella ser un caldeiro posible asociación ó sangue dos rituais.

Machada do Deza no Museo de Pontevedra / foto FroaringusCCBy Wikimedia

Machada da Trinidade

A machada da Trinidade foi atopada nas obras da canteira do Monte da Trinidade, en Mondoñedo, nunha intervención polémica que foi denunciada como espolio por varios colectivos e asociacións. O castro, catalogado dende 1995, foi estragado en boa medida polas obras da canteira, nos anos 2008 e 2016, sen que interviran as administracións.

A machada é unha peza semellante en tamaño, forma e material ás anteriores mais con algunhas diferencias e cun peor estado de conservación. Pois neste caso en ningún dos extremos ten representacións zoomorfas mais si presenta no seu extremo proximal un gran torques e decoración xeométrica con voceis no seu extremo inferior. Consérvase tamén no museo de Viladonga.

Mais estes son tan só os máis singulares, pois a nómina podería chegar ata sete de estes destes pequenos obxectos rituais que, segundo todo apunta, estarían pensados para ser colgados. Pola súa decoración poderíase falar dunha tipoloxía común, se cadra relacionada co poder, a guerra ou certos sacrificios. O certo é que a machada de Viladonga sería a máis interesante e rica de todas elas e de seguro dará unha nova visión sobre o contexto destes singulares obxectos.

Machadas. Montaxe

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...