fbpx
Santa María de Xunqueira de Espadanedo / foto Wamba Wambez CC-By Wikimedia

Pílulas históricas: os tesouros do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo

Tempo de lectura: 4 min.

Santa María de Xunqueira de Espadanedo é un impresionante mosteiro que lle dá nome tamén a un concello de Ourense. Seguramente un dos menos citados nas guías turísticas, o certo é que Xunqueira é un dos grandes mosteiros bieitos da Ribeira Sacra. Ten tamén unha especial singularidade pois, ademais do nome, toma do antigo mosteiro a súa casa do concello e máis a extensión da súa antiga xurisdición. É ademais unha das grandes xoias arquitectónicas da Ribeira Sacra.

Xunqueira de Espadanedo / foto xunta.gal

O único capitel románico do mundo que representa a Xerusalén celeste

Igual que moitos outros tivo a súa orixe nun cenobio, ou pequena comunidade illada, para converterse despois nun gran centro monástico. Aínda que non se coñece a data exacta da súa fundación si está documentada a súa existencia dende o ano 1174. Foi nese ano no que pasou a formar parte da popular orde do Císter, máis tarde de San Bieito, coa advocación de San Xián.

Foi tamén o momento no que se levantou unha das súas grandes xoias arquitectónicas, a súa excepcional igrexa románica, composta de tres grandes naves de 30 m de longo. De estilo sobrio, como era habitual nas igrexas cistercienses, Espadanedo non se inspirou na tradición de cruz latina e cabeceiras cadradas típica da orde, senón que seguiu a tradición do románico local con tres excepcionais ábsidas semicirculares.

Interior da Igrexa co seu excepcional retablo da Asunción / foto turismo.gal

Mais, na fábrica románica escóndense algúns dos seus tesouros como as súas portadas con decoración vexetal ou os seus excepcionais capiteis historiados que representan o mellor da iconografía románica. Entre eles destaca un excepcional capitel, para moitos o único no mundo que ten a singularidade de representar as murallas da Xerusalén celeste.

Artesonado con rostros, retablo renacentista e excepcional claustro

Coa chegada do renacemento e a Reforma, Xunqueira adhírese no século XVI á orde castelá. Nese momento renovaranse as infraestruturas do xa avellentado mosteiro medieval. Daquela engadiráselle á igrexa o seu retablo maior, un dos exemplos máis singulares do renacemento galego creado por Juan de Angés “O Mozo” e na que se historia a Asunción da Virxe e varias escenas da vida de Xesús. Tamén é o momento no que se engade o coro alto, que destaca polas singulares policromías a xeito de cabezas caricaturescas.

Claustro de Xunqueira de Espadanedo / foto xunta.gal

Mais é tamén o momento no que se engade outra das súas xoias construtivas como é o seu claustro regular. Probablemente obra de Simón de Monasterio, é unha xoia pola súa sinxeleza e elegancia, composto de arcos de medio punto e carpaneis compostos de doelas pulidas, inspirado no renacemento toscano. Destacan tamén os seus antepeitos nos que se representaba un sistema solar con catro reloxos que apelan ós sete rezos da orde de San Bieito.

Claustro da portería e fachada neoclásica

Mais a súa fábrica non remata neste momento, xa que a época barroca, como en todos os grandes mosteiros galegos, seguirá a engadirlle obras. Será o caso do claustro da Hospedería. Tamén da Portería, do século XVII, destacando pola súa bóveda de casetóns con similitudes ó mosteiro de Montederramo. Tamén desta época destaca o excepcional escudo da congregación de Castela que preside o mosteiro.

Fachada neoclásica, construída en 1801 / foto turismo.gal

A última das súas xoias data dos primeiros anos do século XIX. Pois en marzo de 1800, previsiblemente a consecuencia do famoso terremoto de Lisboa, cae a fachada da súa igrexa e o seu campanario. Un ano despois comézase a construción da súa nova fachada neoclásica a que se lle engadiría a torre das campás inspirada en modelos barrocos.

Mais en 1836 foi desamortizado. Foi adicado a parroquial e tamén a casa do concello, funcións que o seguen a ocupar ata hoxe. Singularmente o seu termo municipal correspóndese en boa medida á xurisdición que no seu día tivo o mosteiro. En 1980 foi declarado BIC. Aínda que hoxe se atopa en moi bo estado a vila de Xunqueira de Espadanedo que o circunda atópase nun estado de alarmante degradación.

Pode que che interese...