Denuncian un novo arboricidio en Ourense, nas obras do Museo Arqueolóxico
Unha araucaria de máis de medio século tallada polo pé. Este é o novo arboricidio que dende Amigas das Árbores de Ourense e o colectivo Usuarios do Parque do Couto están a denunciar despois de que, o pasado día 15, esta perda se sumara á triste nómina de árbores desaparecidas na cidade, neste caso ó pé dun edificio histórico.
Trátase dunha corta no Museo Arqueolóxico de Ourense, edifico que, como xa contamos, se atopa en proceso de ampliación. A árbore, posiblemente a maior araucaria da cidade, atopábase xunto ó busto de Xesús Ferro Couselo nuns parterres que foron levantados canda a ampliación do edificio na década de 1960.
- Corta da araucaria / foto Amigas das árbores de Ourense
- Foto de denuncia nas redes sociais de Usuarios do Parque do Couto
- Estado do xardín antes das obras / foto Amigas das Árbores de Ourense
”As cidades con cultura coidan e protexen o seu patrimonio vivo, as árbores intégranse harmoniosamente nos seus cascos históricos, nas súas rúas, parques e xardíns”, declaran dende Amigas das Árbores. “En Ourense e en Galicia”, afirman “estase xeneralizando unha pandemia arboricida que está eliminando árbores de valor histórico e patrimonial insubstituíbles”. Dende as redes afírmase que “como mínimo podían tela trasladado a un xardín botánico”.

As árbores no parterre do museo museo / foto usuarios do parque do Couto