fbpx
Rehabilitación da ala sur de San Domingos de Bovnaval /foto Xunta de Galicia

Así se rehabilitou a ala sur de Bonaval, con profundos estudos estruturais e coidando as aves que o habitan

Tempo de lectura: 4 min.

A cidade de Santiago estrea as obras para a futura ampliación dun dos seus principais museos o Museo do Pobo Galego. A obra consistiu na rehabilitación completa da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval, dirixida polo Consorcio de Santiago.  A obra centrouse na recuperación e adaptación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para acoller un novo espazo dedicado a exposicións, oficinas e outros usos.

A obra suporá, de feito, a ampliación do Museo do Pobo Galego cunha superficie útil resultante duns 2.400 m2, o que significa engadir outros 1.600 m2 ó que xa tiña en uso o Museo. Ademais a ala poderá empregarse de xeito independente ao resto do Museo, mantendo o seu acceso propio. A obra incluíu tamén a limpeza e restauración da reixa da fachada da anteigrexa de Bonaval.

Visita ás obras / foto Consorcio de Santiago

As obras estarán dedicadas a diferentes función, que a partir de agora cumprirá desenvolver. O andar baixo desta parte do conxunto vaise destinar a exposicións temporais. A primeira planta terá uso de oficinas, estudos e seminarios. O segundo andar acollerá parte da exposición permanente do Museo e o baixo cuberta seguirá empregándose como almacén de pequenas pezas.

A obra estivo deseñada e dirixida pola Oficina Técnica do Consorcio, da man das arquitectas Idoia Camiruaga Osés e Ramón Fernández Hermida e contou cun orzamento de preto de 3,5 millóns de euros. Do mesmo xeito que o resto das obras acometidas polo Consorcio de Santiago, recibiu o 50% do seu financiamento do Estado, o 30% da Xunta de Galicia e o 15% do Concello de Santiago, provindo o 5% de recursos propios. A obra desenvolveuse dende finais de 2019.

Detalle da rehabilitación nas obras obras / foto Concello de Santiago

Xeotermia para a enerxía e sistemas de evacuación do gas radón

Entre as obras desenvolvidas, destaca a creación dun núcleo de comunicación vertical que dará función tamén ó edificio principal. O núcleo dá acceso a todos os andares do edificio e está integrado por un ascensor con capacidade para 13 personase que permitirá mellorar a accesibilidade. Tamén por unha escaleira que une todas os andares así como novos aseos que darán uso ó edificio.

Na obra tamén se interveu nas fachadas desta ala sur, que se sanearon e revocaron con morteiro de cal. Tamén se buscou mellorar as condicións térmicas, con especial atención ás cubertas, que se someteron a unha reestruturación completa. Incorporáronse instalacións de acondicionamento térmico, fontanería e saneamento, electricidade, telecomunicacións, seguridade, prevención anti-incendios.

Apostouse pola xeotermia como forma de enerxía sostible, converténdose no primeiro edificio patrimonial da cidade en empregar este tipo de enerxía para o acondicionamento térmico do inmoble. Ademais, previuse a evacuación do gas radón a través dun novidoso sistema de sumidoiros.
Na zona sur do primeiro e segundo andar substituíuse a estrutura do solo e tamén se recuperaron as reixas.

Inauguración das obras / foto Concello de Santiago de Compostela

Lectura de paramentos, levantamento 3D e mesmo estudo das aves que o habitan

Ademais fíxose un profundo estudo do edificio antes e tamén durante a súa intervención. Realizouse unha lectura de paramentos do mesmo, o que representou “unha oportunidade única para saber como era o inmoble nas súas orixes. Obtivemos información moi valiosa que incorporamos ó conxunto, co fin de que a intervención conservase a traza orixinal do edificio ” tal e como explicaba Idoia Camiruaga.

Tamén no transcurso das obras quedaron ó descuberto importantes restos como os da capela neogótica do antigo hospicio, de en torno a 1898, unha pía de auga bendita ou unha fonte. Ademais Identificouse un armario de madeira de castiñeiro correspondente tamén ao período de transformación do edificio en hospicio, entre outros achados.

Santo Domingo de Bonaval / foto LansbricaeCCBy Wikimedia

Nas obras levouse a cabo tamén un levantamento do edificio con tecnoloxía 3D. Un traballo de grande utilidade para coñecer mellor como era o edificio orixinal e cal foi a súa historia construtiva. No futuro servirá para poder realizar visitas virtuais polo interior do inmoble para goce de estudosos e curiosos.

É de destacar tamén que antes de comezar as obras, encargouse un estudo de especies protexidas á ONG SEO-Birdlife. Atopáronse cirrios, pardais, rabirrubios, curuxas, grallas, rulas e dúas especies de quiróptero. Traballouse na obra de xeito que estas especies poidan seguir habitando o edificio sen interferir coas actividades humanas.

Parque de San Domingos de Bonaval / foto gblancoCC0

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...