fbpx
Imaxe do Parque do Pasatempo de compezos do século XX / foto Deputación da Coruña

15 meses para redactar o proxecto que podería salvar o Pasatempo

Tempo de lectura: 2 min.

Ó redor de 15 meses podería ser o tempo que separe o histórico Parque do Pasatempo de Betanzos da súa recuperación definitiva. Pois a consultora do arquitecto Mario Crecente vén de gañar o concurso aberto pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para a redacción do Plan Director do Parque do Pasatempo, no que se porán as bases da súa recuperación e da súa xestión futura.

Fíxoo cun orzamento de algo máis de 84.000 euros e disporá de 15 meses para a redacción e entrega do Plan dende o momento da sinatura do contrato. Dentro do Plan delimitarase o estado de conservación, a súa historia, definida por un equipo interdisciplinario, as directrices da súa rehabilitación e as propostas para a súa conservación futura. Cúmprese así cun proceso que o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciaba o pasado febreiro. Recolle a nova o xornal Culturagalega.gal.

Derrubamento do Templete do Estanque no Parque do Pasatempo / Concello de Betanzos

Reparacións de urxencia por parte do Concello de Betanzos

Trátase dunha licitación especialmente agardada. Pois tras décadas de falta de coidados o Parque do Pasatempo chegou a un estado crítico no pasado 2017 cando se derrubou un dos seus muros. A nova, recollida entre outros polo noso medio no seu momento, tivo unha gran repercusión social e puxo o foco na necesidade urxente de recuperar o Pasatempo.

Ademais, e tras varios anos pechado ó público, o Parque do Pasatempo precisou de varias intervencións de urxencia. Entre elas as aprobadas o pasado maio polo Concello de Betanzos nas que, por unha banda, se apuntalában oito metros do muro da Arxentina, cun sistema respectuoso coa obra, por outra, licitábase a recuperación dun dos elementos máis deteriorados do parque: o Estanque do Retiro e o seu Templete.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: