fbpx
Foto histórica do Parque Rosalía de Castro de Lugo / foto PD

O Parque Rosalía de Castro, unha excepcional xoia histórica da cidade de Lugo que cumple 100 anos

Tempo de lectura: 3 min.

O pasado martes día 13 de xullo o histórico Parque Rosalía de Castro de Lugo cumplía 100 anos de historia. E fíxoo entre importantes actos de celebración que supuxeron tanto a posta de gala do parque como a posta en valor dos seus valores patrimoniais, botánicos e históricos, así como a honra dos promotores e artistas que o fixeron posible.

A celebración estivo encabezada pola alcaldesa da Cidade, Lara Méndez, que estivo acompaña na xornada festiva polo concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández. Tamén polo historiador Adolfo de Abel Vilela, autor do libro sobre o centenario do parque e membro do equipo redactor do Plan Director.

Parque Rosalía de Castro de Lugo / foto Turismo de Galicia

Durante a xornada conmemorativa realizouse un percorrido polos puntos de interese arquitectónico e botánico do parque, inuaugurouse a nova cartelería e a exposición temporal que divulgará a efeméride, así como un monolito conmemorativo. A xornada rematou cunha actuación a cargo dos Foolmakers, que recuperaron a tradición dos concertos no templete, con música dos anos 20.

“Hoxe é unha gran data, unha ocasión excepcional que queremos aproveitar para impulsar accións que permitan que a cidadanía coñeza máis a fondo tanto a súa historia como toda a riqueza botánica e patrimonial que alberga”, sostivo a alcaldesa. Fíxoo mentres destapaba un monolito conmemorativo que lembra a data e que recoñece ao rexedor que o impulsou a obra, Ángel López Pérez.

Parque Rosalía de Castro de Lugo / foto Turismo de Galicia

Nova cartelería, unha exposición e a un lavado de cara do Parque

O acto estivo acompañado dunha serie de accións para recuperar a mellor cara do parque e divulgar os seus valores. Entre eles a colocación de cartelería explicativa co fin de pór en valor todos os elementos patrimoniais deste espazo verde. Tamén a instalación dunha exposición temporal con máis dunha ducia de paneis que recollen a historia do parque titulada ‘O Parque Rosalía de Castro Centenario da súa creación 1921-2021´.

Ademais o Concello estivo a traballar nas últimas semanas na recuperación do parque. As accións incluíron a mellora dos máis de 200 bancos de madeira, o pintado de preto dun centenar de farois, a reposición de azulexos, a limpeza da pedra e das estatuas, a pintura nas zonas que o necesitaban, o cambio de papeleiras e o mellor acondicionamento da área infantil, entre outras.

Unha xoia tardoeclecticista, decó e rexionalista

Foi un 13 de xullo do ano 1921 cando a corporación municipal impulsada por Ángel López Pérez, tomaba a decisión de construír este parque. Xa había no lugar algunhas construcións de entre 1909-1912, mais o parque en si como espazo verde foi construído nesta década de 1920 co nome de Parque de Alfonso XII, inaugurándose no ano 1925.

Nel dispúxose un palco da música, unha fonte rodeada dunha rosaleda, unha pérgola e unha escaleira monumental entre outros elementos, como gaiolas para paxaros ou un pombal. A mediados do século XX, o concepto de parque expandiuse coa creación dunha zona a xeito de cidade xardín, obra do arquitecto Eloy Maquieira, na que se conservan múltiples edificios rexionalistas.

O Parque, ademais, posúe un bo número de monumentos e estatuas, como da escritora Rosalía de Castro ou os alcaldes López Pérez e Xosé Castiñeira Pardo. Conta actualmente cunha extensión de 23 hectáreas con árbores de gran porte, algúns deles de especial antigüidade. O xardín destaca tamén por ser un mirador natural sobre o río Miño, marcado pola súa pérgola e a súa escalinata monumental.

Parque Rosalía de Castro de Lugo / foto Turismo de Galicia

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...