fbpx
Recreación dunha batalla entre musulmáns e cristiáns

(2ª PARTE) Anselmo López Carreira: “A Reconquista é un termo ideolóxico e, dende a perspectiva galega, absurdo”

Tempo de lectura: 2 min.

Nesta segunda parte da entrevista, Anselmo López Carreiro aborda a “ideoloxización” que a historiografía española fixo da historia galega, especialmente, no relativo a etapas como a Reconquista. Na primeira parte da entrevista con Historia de Galicia abordou os límites e importancia do Reino de Galicia na Idade Media.

Que era Galicia durante o reino visigodo?

Galicia vai ser incluída na monarquía por Leovixildo, pero sempre vai manter unha entidade propia marcada e moi recoñecida. Non é estrano que nas magnas asambleas do Reino Visigodo, que eran os concilios que é onde se establece todo o corpus xurídico e legal, que se especifique que tales decisións van ser de aplicación en Hispania, Galia e Gallaecia. Vai ser unha provincia do reino Visigodo que mantén a súa identidade.

E que pasou coa chegada dos musulmáns?

Algunha expedición puido chegar de maneira moi efémera ao que algunha crónica musulmá chama “os límites de Galicia”. En todo caso, foi un chegar e marchar, aquí non houbo establecemento. A situación na que queda Galicia cando se derruba o reino Visigodo descoñecémola porque non hai documentación da que botar man. As poucas testemuñas que aparecen por aí da a sensación que en vez dun reino cun rei, hai unha fragmentación política de diversos señoríos que pouco a pouco vanse unificando arredor dun deles que acabará sendo o que resida en Oviedo.

Polo tanto non houbo “Reconquista” en Galicia.

A Reconquista é un termo totalmente ideolóxico, o que eu chamo un ideoxema, porque reconquístase o que antes foi dun, pero claro pensar que os Reis Católicos chegan a reconquistar o que 800 anos antes fóra seu, é absurdo. É unha típica visión ideolóxica, usar a historia como un artefacto ideolóxico. Ademais, dende unha perspectiva galega é absurdo. Aquí nin se recuperou, posto que nunca foi ocupado, nin se repoboou, porque sempre estivo poboado.

Por que se segue ensinando esa historiografía española chea de tópicos nas escolas e institutos?

Porque foi adoptada como oficial nos programas escolares que decidían os ministerios, polo que son claramente políticos. Recollen unha narrativa que é parte integrante á construción do Estado liberal dende o século XIX. Trátase de dotar a unha entidade política que é o Estado de elementos de cohesión moi fortes de nación. Polo tanto, van querer dotalos duns elementos moi fortes que crean a cohesión que procede da propia historia. A historia non entra na discusión democrática. O modelo de España é intocable, non é un elemento que estea a mercé da política, senón que procede da historia e da providencia.

A ideoloxía determina o traballo dun historiador?

O historiador ten tanta ideoloxía como calquera outra persoa e transmítese o traballo. Unha cousa é o desexo de que a ideoloxía non contamine o teu traballo de investigación e outra que non o condicione. Por exemplo, a ideoloxía determina o campo do teu interese no momento de iniciar a investigación. Unha vez escolles un campo na túa investigación, estás en función das fontes e hai que ser honesto coas fontes. A aplicación do traballo é algo propio da persoa como cidadán.

Pode que che interese...