fbpx
Fosa no cemiterio parroquial de Celanova dos fusilados asturianos

Os sete asturianos por fin poderán ser exhumados

Tempo de lectura: < 1 min.

O equipo de investigación Histagra (Universidade de Santiago de Compostela), dirixido polo historiador Lourenzo Fernández Prieto, está a levar a cabo dende outubro de 2021 diversas exhumacións de foxas comúns en Galicia. As primeiras foron as de Vilagarcía de Arousa e Crecente. O pasado 17 de xaneiro comezaron os trámites para a exhumación da foxa de Celanova na que se atopan os sete asturianos.

O equipo de Histagra, da Universidade de Santiago de Compostela, e a Dirección General de Justicia, departamento da Consejería de Presidencia del Gobierno de Asturias mantiveron unha primeira reunión conxunta para iniciar os trámites que permitan exhumar este ano, 2022, a foxa do cemiterio de Celanova, documentada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, na que poderían estar soterrados sete milicianos asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falanxe de Marrocos.

O TRABALLO DO COMITÉ

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que contou desde o principio co apoio do Goberno de Asturias, organizou un acto no Instituto de Celanova, prisión central desde a guerra até 1943, de homenaxe aos 7 fusilados o pasado 25 de setembro. As atrocidades acontecidas na vila ourensá levárona a ser catalogada como “a vila da morte” polo ABC republicano.

A raíz da divulgación da súa memoria, apareceron familiares de dous dos asasinados aquela mañá de setembro de 1939: Abelardo Suárez del Busto e Marcelino Fernández García. Unha das familiares, Gracia, neta de Abelardo, visitou Celanova en outubro. Coa filla de Marcelino, Josefa, o Comité entrou en contacto a finais dese mesmo mes. Francisco Serrulla, médico forense que forma parte do equipo de Histagra viaxou a pasada semana a Oviedo para realizarlles as probas de ADN.

Pode que che interese...