fbpx

Por fin un dos grandes xacementos arqueolóxicos esquecidos de Pontevedra vai poder ser visitado

Tempo de lectura: < 1 min.

Tras anos oculto polo abandono, o xacemento de Adro Vello, no Grove, volverá a ser visible grazas a un proxecto que levará a cabo a Universidade de Vigo. Eliminar a maleza que cobre o lugar e recheos resultantes dunhas escavacións dos anos 90 son os obxectivos destas novas labores arqueolóxicas, que buscan poñer en valor un xacemento catalogado como Ben de Interese Cultural.

“O que buscamos é facer un proxecto moi completo para non cometer os erros do pasado”, explica Adolfo Álvarez, director da intervención. Esta terá diferentes fases, sendo a primeira delas volver sacar á luz un xacemento que ata o de agora era case imperceptible á vista das persoas que pasaban xunto a el, debido á vexetación que o cubría.

Como explican, para levar a cabo as tarefas botarán man de novas tecnoloxías como fotometría 3D, drons e un lidar terrestre para “rexistrar cada centímetro cadrado do xacemento”. O obxectivo é analizar todas as estruturas do lugar para determinar a súa antigüidade.

Dentro do proxecto tamén está previsto determinar os pasos para asegurar a conservación do xacemento, así como a realización de novas sondaxes arqueolóxicas. É por iso que non descartan novas escavacións “e afondar se se pode para ver a potencia que lle queda ao xacemento”, como explica Álvarez.

Estas tarefas significan unha nova etapa para Adro Vello e permitirán destapar unha parte da historia do Grove. A finalidade de conseguir musealizar o xacemento en dous anos é outro dos puntos deste proxecto, no que participan as tres Universidades Galegas, así como investigadores das universidade do Porto e León. Artigo completo en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...