Así foi Exeria, a ousada galega do século IV
Dende viaxeira a peregrina, pasando por escritora ou incluso considerada como unha das primeiras xornalistas. Independentemente do distintivo que adquira, o que é innegable é o extraordinario da vida de Exeria, unha muller que no s. IV viaxou dende a Gallaecia ata a Terra Santa. Durante tres anos, foron miles de quilómetros os que recorreu, en burro, cabalo, barca, a pé… Un percorrido que a levou a escribir o relato de viaxes máis antigo que se coñece elaborado por unha muller, converténdose tamén nunha das primeiras mulleres exploradoras da Península.
Arredor da figura desta muller hai moitos mitos, pois pouco se coñece da súa figura, aínda que os investigadores coinciden en chamala Exeria e apuntan a que viviu no s. IV. Ademais, sinalan que foi entre o 381 e o 384 cando colleu camiño a Xerusalén, acompañada dun nutrido séquito, tendo en conta as dificultades e perigos que podía presentar o camiño.
A súa orixe tamén é un misterio, aínda que a maioría de hipóteses sinalan o seu berce na Gallaecia, entre as terras galegas e leonesas. Que ela mesma admitise que a súa viaxe comezaba “no último extremo da Terra” axuda a corroborar esta hipóteses, mais atópanse outros lugares que tamén reivindican ser a orixe de Exeria, como a rexión francesa de Aquitania ou Italia.
Tamén se baralla a súa condición de monxa, por dirixir os seus escritos a unhas “dominaes soreres” (señoras e irmáns), feito que se suma ao carácter relixioso da súa viaxe. E é que, como diferentes expertos a consideran, Exeria foi unha peregrina que recolleu principalmente prácticas litúrxicas a través dos seus escritos. É por iso que a figura desta muller do s. IV se popularizou como a da “monxa viaxeira”, converténdoa ao mesmo tempo nunha personaxe rodeada de mitoloxía. Porén, o escritor e periodista Carlos Pascual, quen traduciu ao español as cartas de Egeria, recollidas no libro Viaxe de Exeria: O primeiro relato dunha viaxeira hispana, prefire referirse a ela como a “dama peregrina”, poñendo en dúbida a súa condición de monxa, ao igual que a propia existencia de monxas tal como se coñecen hoxe en día.
O que si se pode intuír, grazas ao contido das súas cartas, é o seu carácter: piadosa e culta, viaxando con libros, son dous dos adxectivos que utiliza Pascual para describila. “Segundo ela mesma confesa (ut sum satis curiosa), a curiosidade fai que viaxe cos ollos ben abertos, quere velo todo, pide explicacións de todo o que ve, e insiste en que a leven a ver outras cousas, se non quedan moi lonxe”, apunta o escritor.
A vida de Exeria foi un misterio que se foi resolvendo aos poucos e cuxas primeiras referencias datan do século VII, cando o abade do Bierzo San Valerio se refería á viaxante galega na súa Epistola de beatea Eitheriae laude como “a benaventurada Exeria, máis forte que todos os homes do século”. No escrito, o abade facía referencia á súa viaxe, destacando que a muller, “inflamada co desexo da divina graza e axudada pola virtude da maxestade do señor, emprendeu con intrépido corazón e con todas as súas forzas unha longuísima viaxe por toda a orbe”.
Porén, non foi ata o 1884 cando se coñeceron os escritos de Exeria, cando o erudito italiano Gian Francesco Gamurrini atopou o códice que recollía as cartas da peregrina escritas nun latín vulgar no que abundaban trazas hispánicas. Dito texto, coñecido como “Itinearium ad Loca Sancta” foi atopado na biblioteca de Arezzo, lugar no que actualmente se garda. O códice, composto por 37 folios que formaban un pergamiño, tiña dúas partes, sendo a segunda a que recollía os escritos da peregrina. Este códice era unha copia realizada no mosteiro de Montecassino, e ao cal lle faltaban algunhas partes do inicio e o final. Segundo Pascual, as súas cartas orixinais tamén poderían conter esbozos e debuxos dos templos e edificios que visitaba.
Os lugares que vía e as cousas que facían son o obxecto dos seus manuscritos, nos que describe o seu paso pola Terra Santa. Atravesando a o sur da actual Francia e o norte de Italia, alcanzou o mar Adriático, dende onde chegou a Constantinopla no ano 381. Cos pés en terra de novo, as súas seguintes paradas foron Xerusalem, onde visitu Xericó, Nazaret e Cafarnaúm. Logo encamiñouse ás terras exipcias, onde no 382 percorreu Alexandría, Tebas, o Mar Vermello e o Sinaí. Tras isto, os seguintes lugares polos que pasou Exeria foron Antioquia, Edesa, Mesopotamia, o río Éufrates e Siria, para logo regresar a Constantinopla, punto no que comezara o seu camiño como peregrina.
“Se teño que dar grazas ao Señor por todas as cousas, canto máis o terei que facer por tantas e tamañas mercés como consentiu concederme a min, tan pouco digna e tan pouco merecedora delas, permitíndome percorrer todos aqueles lugares tan fóra do alcance dos meus méritos”, recollía a escritora nunha das súas viaxes. Ela mesma era consciente da excepcionalidade da súa vida, nunha sociedade na que as persoas que percorrían o mundo eran na súa maioría homes, aínda que si se conserva información sobre outras mulleres peregrinas.
“Eu creo que a clave para entender quen era en realidade Exeria é inserir a súa figura no contexto histórico, sen prexuízos de índole relixiosa. E o primeiro que hai que dicir é que facer a viaxe que fixo Exeria é algo que, na súa época, estaba de moda. Sobre todo para as clases podentes, sen excluír as mulleres”, apunta Pascual, abrindo outra perspectiva arredor da posibilidade que tiveron as mulleres para viaxar. Así o fixeron outras viaxeiras como Melania a maior, tamén de Hispania, ou Paula e Silvia de Aquitania ou Poemenia, pero cuxas biografías non chegaron a transcender como o fixo a de Exeria. “Tras Exeria e algúns escasos exemplos femininos da súa época, as peregrinas deixaron de acudir a Terra Santa e a outros lugares de Exipto e Oriente”, explica Cid López na súa obra Mulleres viaxeiras, peregrinas, aventureiras, estudosas e turistas.
Oriente converteuse naquel entón no centro de atención dunha boa parte de aristócratas e persoas adiñeiradas, que podían permitirse os custos da viaxe. É por iso que tamén se relaciona a Exeria con Aelia Flacilla, a primeira muller do emperador Teodosio o Grande, cuxa corte, nutrida dun gran grupo de mulleres, se estableceu en Constantinopla. A posible relación familiar co clan imperial puido ser un dos motivos polos que Egeria tivo a oportunidade de viaxar.
É por iso que cómpre despexar a Exeria dos estereotipos da “monxa viaxeira” que se lle teñen asociado, tendo en conta o seu entorno social e a as modas da época, que a impulsaron a ela, ao igual que a outras mulleres e home, a encamiñarse á Terra Santa. Pero non por iso se pode ignorar que foi a primeira muller coñecida que puxo por escrito as súas vivencias, servindo de exemplo para mulleres de épocas posteriores.