fbpx

Díaz Baliño e a meiga como referente popular

Tempo de lectura: 8 min.

O arquetipo da meiga é o dunha dona xa anciá, vestida de oscuro, mais ben de pequena estatura e cun xestos característicos. Sobre todo na risa e na forma de mover as mans (erguer un dos seus dedos como sinal de aviso é o mais habitual). É un arquetipo consolidado no século XIX, cando os contos e os relatos inspiraron a artistas que inmortalizaron os seus personaxes sobre todo en lenzos. Pero as meigas non eran nomes convertidos en insultos deliverados. Tampouco o que significaban era sempre “o mostro que ven comer os nenos” que logo tanto se popularizou. En realidade tiñan mais matices, segundo fora en cada país. E en mais dunha ocasión converterse nunha, aínda que so fora por un tempo breve, tamén era unha expresión xenuína de celebración. As imaxes tomadas co novo medio que era a cámara fotográfica son unha mostra diso. E o desfrute manifesto das donas en plena xuntanza vestidas como tal, tamén.

Encontro de donas. Finais do século XIX, Londres.

Encontro de donas. Finais do século XIX, Londres.

Cando Camilo Díaz Baliño estaba na alborada da súa carreira como artista, os seus pinceis estaban impregnados de algo mais que de cores. En 1919 a cultura galega viuse enriquecida cunha nova xeración que viña a manter vivo o legado dos grandes historiadores, escritores e poetas do século XIX. Sobre todo viuse enriquecida porque, ademais, o campo de acción ampliouse coa integración de artistas. Cunha visión integradora a cultura galega desfrutou entón dun constante diálogo entre pintores, etnógrafos, escritores, ilustradores, poetas ou escenógrafos que entrelazaban ideas, influencias, lecturas e perspectivas. Todo para continuar o legado herdado entón, seguindo na súa construcción para cara un futuro radioso. E Díaz Baliño vivíu plenamente este feito, sobre todo porque cando el estaba pintando o cadro chamado A meiga en 1919, unha personalidade como Vicente Risco estaba introducindo unha nova faceta dentro da publicación divulgativa: a da literatura inspirada nos temas da cultura popular.

A meiga. Circa 1920. Camilo Díaz Baliño. Técnica: Óleo sobre lenzo. Colección privada.

A meiga. Circa 1920. Camilo Díaz Baliño. Técnica: Óleo sobre lenzo. Colección privada.

A Meiga foi realizado a modo de lenzo. Nel Díaz Baliño representa un inmediato primeiro plano que centra a atención no rostro dunha muller nova, sobre todo nos seus  ollos. Vai cuberta cun manto negro que cubre todo o seu espazo físico, descubrindo únicamente unha das súas mans. Ante ela está un orbe de cristal no cal pode verse un corzo. E sobre o mesmo esa man sinala cun dedo en sinal de aviso. A dona non ten unha expresión de terror ou horror. Non é un ser sinistro disposto a mostrar o coñecemento do Inferno nin tampouco a seducir para levar ao Mal. En todo caso mostra un animal que na cultura galega sempre estivo vinculado a un aspecto simbólico da existencia. Aínda que o lenzo recibiu o nome de A meiga posteriormente, a rapaza que aquí retrata Díaz Baliño é a da Sabia. Dende a óptica galega non se trata dunha bruxa chuchona -que sería o equivalente mais próxima a vampira- nin estritamente unha bruxa como tal -que entón tería que estar acompañada de outros obxectos e actitudes-. Tampouco é unha sursuncorda, moura, lamia, serea ou a Morte. A Sabia é aquela que é identificada coa feiticeira. Ten a capacidade de poder atopar os tesouros, realizar mesturas curativas e ver e comprender a persoas metamorfoseadas de animais. Tamén poden ter tratos co Demo e facer meigallos, pero a diferenza das meigas e bruxas,poden invocar a Deus. Isto é o que aquí representa Díaz Baliño. Mais debido o imaxinario xeral co se identifican as meigas, a obra recibiu ese título debido a certas similitudes coas mesmas.

Arriba (de esquerda a dereita): A Druidesa. 1926. Uxío Souto. A escultura orixinal atópase exposta no Edificio Castelao, Pontevedra. Véleda, profetisa dos xermanos. 1882. Ilustración do libro Xermania: dous mil anos de Historia alemá de Juán Scherr (Barcelona: Montaner y Simón, 1882). Abaixo (de esquerda a dereita): O Oráculo de Delfos. 440-430 a.C. Cílice de figuras vermellas coa representación dunha consulta a Pitia en Delfos realizada por Exeo. Altes Museum, Berlín. A Sibila Eritrea (fragmento da bóveda). 1508-1512. Miguel Anxo Buonarroti. Técnica: Fresco. Medidas da bóveda: 40 metros (longo) x 13 metros (ancho). Capela Sixtina, Museos Vaticanos, Roma, Cidade do Vaticano.

Arriba (de esquerda a dereita): A Druidesa. 1926. Uxío Souto. A escultura orixinal atópase exposta no Edificio Castelao, Pontevedra. Véleda, profetisa dos xermanos. 1882. Ilustración do libro Xermania: dous mil anos de Historia alemá de Juán Scherr (Barcelona: Montaner y Simón, 1882). Abaixo (de esquerda a dereita): O Oráculo de Delfos. 440-430 a.C. Cílice de figuras vermellas coa representación dunha consulta a Pitia en Delfos realizada por Exeo. Altes Museum, Berlín. A Sibila Eritrea (fragmento da bóveda). 1508-1512. Miguel Anxo Buonarroti. Técnica: Fresco. Medidas da bóveda: 40 metros (longo) x 13 metros (ancho). Capela Sixtina, Museos Vaticanos, Roma, Cidade do Vaticano.

A Sabia, ademais, ten a capacidade de predicir os tempos vindeiros. Nese sentido esta dona, acompañada do orbe, está integrada dentro do panteón de mulleres que ven o futuro. Ao longo da Historia ocuparon un lugar prominente para os seus pobos, a miúdo vinculadas ao ámbito relixioso sendo os ollos e a voz dos deuses a través da Natureza. As druidesas para os celtas, as profetisas como Vélleda para os xermanos, as pitias do oráculo de Delfos para os gregos e as sibilas cos seus libros para os romanos. Así dende a Antigüidade existiron, evolucionando logo co tempo e converténdose en figuras que respondían en medida as necesidades e observacións do espírito de cada pobo. En Francia apareceron como mulleres que, sentadas en vasoiras, tiñan a capacidade de poder voar polos ceos tal como aparecen nos manuscritos iluminados tardogóticos. En territorio flamenco, no século XV, os pintores representaron a grupos de mulleres invocando o Mais Alá -véxase o cadro A reunión das meigas (1607) de Francken O Novo-. Estas donas, coñecendo os demos, podían mesmo acabar empregando as súas vasoiras para bater neles como en polbos para botalos fora da súa casa por insufribles.

Le Champion des Dames (detalle). 1451. Martin Le Franc. Autor da segunda copia: Barthélemy Poignare en Arras. Autoría da iluminación: Mestre do Misal de Paul Beye. Técnica: Manuscrito iluminado. Este segundo manuscrito foi entregado como un presente para Felipe III de Borgoña, Gran Duque de Occidente (1396-1467).

Le Champion des Dames (detalle). 1451. Martin Le Franc. Autor da segunda copia: Barthélemy Poignare en Arras. Autoría da iluminación: Mestre do Misal de Paul Beye. Técnica: Manuscrito iluminado. Este segundo manuscrito foi entregado como un presente para Felipe III de Borgoña, Gran Duque de Occidente (1396-1467).

A reunión das meigas. 1607. Frans Francken O Novo. Técnica: Óleo sobre táboa. Medida: 56 x 83,5 cm. Kunsthistorisches Museum, Viena.

A reunión das meigas. 1607. Frans Francken O Novo. Técnica: Óleo sobre táboa.  Medida: 56 x 83,5 cm. Kunsthistorisches Museum, Viena.

O mesmo William Shakespeare fíxose eco delas cando introduciu “As Tres Irmás” ao comezo da obra de teatro Macbeth (1623). Non debe esquecerse que son elas as que, arredor dun pote, advirten a Macbeth da sua sorte futura. De feito esta imaxe teatral, tomada da tradición popular, foi tan potente que a partir dela comezouse a forxar un arquetipo que quedou fixada a partir dos artistas. O cadro Tres meigas arredor do pote (1775), de Daniel Gardner, é unha excelente mostra de ata que punto as “meigas” shakesperianas deron lugar a finais do século XVIII a fixación co misterio e fantasía. Este cadro realizouse, precisamente, no tempo no que emerxeu o movemento co que as lendas, os relatos, os contos e os mitos antigos lonxe do helénico e o latino volveron a respirar: o Romanticismo.

Circe ofrecendo a copa a Odiseo. 1891. John William Waterhouse. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 148 x 92 cm. Oldham Gallery, Oldham (Condado de Gran Manchester).

Circe ofrecendo a copa a Odiseo. 1891. John William Waterhouse. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 148 x 92 cm. Oldham Gallery, Oldham (Condado de Gran Manchester).

Grazas ao corazón e o cerebro romántico a cultura popular foi recollida, estudada e, sendo fondamente creativa pola acumulación histórica, un ámbito no cal era posible concibir o extraordinario dentro do ordinario. As meigas e as feiticeiras viviron unha era na que aparecían representadas en distintas situacións, as veces como protagonistas de historias, outras como antagonistas e outras, sinxelamente, como seres marabillosos. Non todo eran cadros de tintes negros en atmosferas repelentes. As veces era unha escura elegancia, expresiva, elegante e evocadora, capaz de poñer un manto de protección no espírito humano nos seus momentos expectantes. O cadro de Díaz Baliño tiña un carácter mais ben ligado a este derradeiro punto, non moi distante de lenzos como O orbe de cristal (1902, John William Waterhouse). Na mesma liña a inclusión de un obxecto circular de cristal, ligado as mulleres sobrenaturais, foi habitual no século XIX. Outro exemplo disto é Circe ofrecendo unha copa a Odiseo (1891) que, no seu caso, aparece como un espello circular as costas de Circe. Un aspecto que non se perdeu é mantívose a entrada das portas do século XX.

A filla da meiga. 1881. Frederick Stuart Church. Técnica: Acuarela. Medidas: 52,1 x 31,8 cm. Smithsonian American Art Museum,Washington D.C.

A filla da meiga. 1881. Frederick Stuart Church. Técnica: Acuarela. Medidas: 52,1 x 31,8 cm. Smithsonian American Art Museum,Washington D.C.

Foi este ambiente o que estimulou a almas como as de Díaz Baliño. Tanto foi así que, xunto con el, tamén lle deu alas a Risco para seguir estudando a mulleres como as pintadas polo seu amigo artista. De consultar os libros da súa biblioteca en Allariz atópanse libros que permiten entender cómo foi posible que unha obra como A meiga, sen precedente algún na arte galega, vira a luz nunha data tan concreta e que estaba en correspondencia con outras obras feitas ao mesmo tempo. Os libros Las ciencias ocultas: La magia, los prodigios, los milagros (Eusebe Salverte, Publicaciones Mundial, Barcelona), El oróscopo ó sea el arte de echar las cartas de saber lo presente y lo futuro (Tipografía universal, Madrid) ou Curso práctico de magia general: El supremo secreto de las magias (Magnus Brunos, s.n, s.l) convivían con Os arquivos do trasno: Contos do monte e do mar (El Pueblo Gallego, 1926) ou A lús do candil: Contos a carón do lume (Ánxel Fole, Galaxia, Vigo, 1953). Tamén tiña entre outras obras A pía megalítica de Mougás e as prácticas adiviñatorias da Galiza antiga (Fermín Bouza Brey, Academia Gallega, La Coruña, 1931), Satanismo erótico: el amor y la lujuria en los procesos  e historias de la Magia Negra y la Hechicería (Justo María Escalante, Librería Ameller, Barcelona, 1932), As vozes dos sinos na interpretaçao popular e a indústria sineira en Guimaraes (Alberto Vieira Braga, Imprensa Portuguesa, Porto, 1936) así como El pálido visitante: Ejemplares relatos de avisos y apariciones en el Finisterre (José María Castroviejo, Porto y Cía. Editores, Santiago de Compostela, 1960).

A vella meiga. 1920. Nancy Ford Cones.Técnica: Fotografía impresa en xelatina prateada. Medidas: 25,4 x 18,1 cm. The Metropolitan Museum of Art, Nova York.

A vella meiga. 1920. Nancy Ford Cones.Técnica: Fotografía impresa en xelatina prateada. Medidas: 25,4 x 18,1 cm. The Metropolitan Museum of Art, Nova York.

O propio Risco tamén publicou sobre este tema. Sucede coas obras publicadas polo Seminario de Estudos Galegos dende 1923 e con artigos en Nós e en outras revistas (entre outros Las fuerzas o agentes mágicos en la tradición popular gallega. (S.n. S. l), Los “nubeiros” o tempestarios de Galicia. (Museo Arqueológico Provincial de Orense, 1943), Creencias gallegas: Tradiciones referentes a algunos animales (Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, Madrid, 1947) e Apuntes sobre el mal de ojo en Galicia. Contribución al estudio del lobo en la tradición popular gallega. (Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, Madrid, 1961). Tamén preparara traballos como as novelas  A dona do Liconio e Kobold, Marjolaine, Broceliande que bebían do seu traballo etnográfico pero que quedaron inéditas, ao igual que o estudo Mitoloxía popular galega.

A meiga. S.d. Compostela (Francisco Vázquez Díaz). Técnica: Madeira tallada. Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, Sada.

A meiga. S.d. Compostela (Francisco Vázquez Díaz). Técnica: Madeira tallada. Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, Sada.

Que o interese e a publicación de Risco neste tema mantivérase por décadas tamén permitiu que mais artistas, de forma paralela e respaldados pola autoridade risquiá, continuaran o camiño iniciado en 1919. Tales son os casos de Urbano Lugrís, Laxeiro ou Compostela (Francisco Vázquez Díaz), quen por exemplo, realizou a escultura da meiga percorrendo o ceo coas súas vasoiras. De tal xeito estas obras -obras de Arte, de Literatura e de Etnografía- superan o marco do considerado superstición e irracionalidade para dar unha idea completa (seguindo o fío risquiá da etnografía como cultura espiritual) do que constitúe a vontade, a conciencia, a enerxía, a vida, o impulso, a intelixencia, a imaxinación, o xuízo, a sensibilidade, o estilo e a individualidade galega na corrente da universalidade. A Meiga de Díaz Baliño é a materialización de dita idea, e por ende, participa e contribúe a mesma dende o alento europeo na que naceu.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...