fbpx
Parte da tumbas da necróple de Os Castros da Devesa, en Ribadeo, que foron desfefeitas con maquinaria pesada / Anxo Millara Veiga

50 anos dunha das maiores catástrofes dun castro galego

Tempo de lectura: 2 min.

Hai 50 anos  maquinaria pesada desfacía un dos grandes achádegos arqueolóxicos da Mariña. Nun tempo no que a depredación urbanística era común na nosa terra, estas maquinarias entraron para tentar achairar un terreo no que posteriormente construír un edificio ao carón do mar, en Ribadeo.

Na zona, coñecida como os Castros da Devesa, apareceu un gran camposanto de orixe romana. Tal e como lembraba nas súas  redes sociais  Alberto Paraje, “por sorte, algúns veciños de Ribadeo con inquietudes histórico-culturais apresuráronse a acudir ao lugar para deixar testemuño do que alí ía aparecendo, e recoller na medida das súas posibilidades as pezas recuperables entre a caótica desfeita”.

O panorama era desolador… “antiquísimas tumbas realizadas con grandes laxas de pedra ían quedando á vista, seccionadas e destruídas no noiro da escavación a medida que esta avanzaba”, lembra. Tamén os restos das vivendas castrexas no cantil cara á praia foron removidas e saqueadas, até o punto de que en diversos domicilios ribadenses acabaron algunhas das moitas moedas romanas alí atopadas.

Ósos no interior de furnas na necrópole de Os Castros da Devesa, en Ribadeo, atopados en 1972 / Arquivo Alberto Paraje

VARIOS FOXOS

Tras aquela desfeita, hoxe o castro e necrópole da Devesa é un dos máis coñecidos do concello. Ten unha superficie de 1Ha. e trátase dun castro de forma ovalada e irregular debido á adaptación á morfoloxía do terreo. Consta de tres foxos na parte occidental, un parapeto na parte oriental e a coroa está situada nun terraplén reforzado por un muro exterior. Con todo, boa parte do castro é privado xa que no seu interior atópase unha edificiación.

Os materiais arqueolóxicos recuperados datan entre o cambio de era e o século IV DC. O castro ten asociada unha necrópole de inhumación de finais do s. II DC. Estes castros poden ligarse co inicio das explotacións mineiras na zona.

Parapetos do xacemento Os Castros da Devesa, en Ribadeo, na actualidade / Asociación Española e Amigos de los Castillos

Pode que che interese...