fbpx
Espada de don Dinís / RTP

Atopan a mítica espada de don Dinís, o gran rei trobador

Tempo de lectura: 2 min.

O túmulo de D.Dinis continúa a revelar segredos. Durante os traballos para restaurar a súa tumba, que foi aberta en maio de 2019, foi achada a espada do rei, coñecido en Portugal e en Galicia por ser un gran amante e impulsor da poesía galego-portuguesa.

Durante anos buscouse a mítica espada do rei que acaba de ser agora descuberta. Foi atopada na súa tumba, no Mosteiro de San Dinis e San Bernardo, en Odivelas. A espada encontrábase do lado dereito do rei.  “Nós non sabiamos que iamos encontrar esta espada”,  explica a arqueóloga Maria Antónia Amaral, coordinadora do proxecto Estudo D.Dinis e directora do Castelo de S.Jorge.

A tumba do rei xa fora aberta en 1938, mais nesa altura a espada mantívose escondida dos ollos dos investigadores e permaneceu por descubrir. O descubrimento “é dunha importancia inmensa”, dixo a arqueóloga ao xornal Público. “Son moi raras as espadas rexias. Hai pouquísimas no contexto europeo e no contexto portugués, sobre todo encontradas in situ”, engadiu.

Don Dinís foi o primeiro dun monarca portugués a recibir autorización do propio Papa para ser colocado dentro dunha igrexa e non nun espazo anexo, como era hábito. O rei, O Labrego, como se coñeceu no país veciño, naceu en Lisboa o 9 de outubro de 1261. Foi rei de Portugal e do Algarve de 1279 até á súa morte, en Santarém, o 7 de xaneiro de 1325. Era o fillo máis vello do rei Afonso III e súa segunda esposa Beatriz de Castela e neto de Afonso X, O Sabio.

O rei trobador

O Rei Labrego foi un grande amante das artes e letras e trobador talentoso. Foi o primeiro monarca portugués verdadeiramente alfabetizado, asinando sempre co nome completo.

Don Dinís foi o autor das poesías atopadas en 1990 por Harvey L. Sharrer na torre do Tombo en Lisboa nun pergamiño que servía de cuberta de rexistros notariais. Crese que é unha parte pertencente a outro códice, e no mesmo recóllense sete cantigas: Pois que vos Deus amigo quer guisar; A tal estado m´adusse senhor; O que vos nunca cuidei a dizer; Que mui gran prazer que eu ei senhor; Senhor fremosa non poss´eu osmar; Nos sei como me salv´a mia senhor; Quix bem amigos e quer´e quereei?.

Este monarca portugués foi ao longo da historia un escritor bastante prolífico, do cal se calcula que chegou a escribir un total de 137 composicións, das cales 72 serían cantigas de amor, 54 de amigo, e 10 de escarnio, das cales se conservan un total aproximado de 40 textos; con todo, só os conservados no pergamiño Sharrer conteñen música.

Pode que che interese...