fbpx
Fortaleza de Lovelhe, en Portugal

Atopan unha nova fortaleza do XVII… cando o Baixo Miño foi a gran fronte da guerra con Portugal

Tempo de lectura: 6 min.

Unha nova fortaleza do sećulo XVII identificada no Concello de Tomiño reflicte a importancia que a Guerra da Restauração tivo na fronteira galego-portuguesa, especialmente, no Baixo Miño. E é que esta comarca podería ter sido unha das principais frontes bélicas desta querra que durou case 30 anos, de 1640 a 1668, e que deixou a galegos e portugueses exhaustos.

Ata o momento críase que a “fronte extremeña” era o principal eixo bélico desta guerra, pero a cantidade de fortificacións atopadas na raia galega, grazas ao intenso traballo de catalogación realizado pola historiadora e especialista en paisaxes bélicas do século XVII, Rebeca Blanco-Rotea, acredita a importancia que a “fronte galega” tivo neste enfrontamento entre pobos irmáns.

E, especialmente importante, é o que aconteceu ao longo das dúas beiras do río Miño, sobre todo, no seu tramo final, entre Salvaterra e A Guarda e entre Monçao e Caminha. Ata o momento, Blanco-Rotea tiña identitificadas 45 construcións bélicas a un e outro lado desta raia, 24 deles entre Tui e Tomiño e entre Valença do Miño e Vilanova da Cerveira.

De feito, tanto os actuais concellos de Vilanova de Cerveira e Sao Pedro da Torre da banda portuguesa, como o Tomiño da banda galega, concentran a maior parte destas fortalezas. Un feito que demostra a importancia que a guerra tivo nesta comarca.

E é xustamente nesta zona, no concello de Tomiño, onde se localiza unha nova fortificación desa extensa fronteira bélica na que se converteu o Baixo Miño galego ou Alto Minho portugués hai 400 anos. Trátase dunha estrutura fortificada que algúns investigadores tiñan apuntado como de orixe medieval pero que o xornalista Xurxo Salgado, editor de www.historiadegalicia.gal e natural deste concello, identificou como un posible forte do XVII. Unha hipótese que confirmou a especialista Rebeca-Blanco Rotea. “Tendo en conta o coñecemento existente sobre as campañas de guerra que se desenvolveron nesta zona do Baixo Miño, cremos que posiblemente o xacemento se relacione coa campaña que tivo lugar con posterioridade da toma de Goián por parte dos portugueses en 1663”, asegura.

Rebeca Blanco-Rotea, presentou este novo achado este mércores en Tomiño nun acto ao que asistiron, ademais, os principais dirixentes políticos do concello, entre eles, Lara Meneses, do PPdeG; Violeta de Santiago, do PSdeG e Valentina Valderrey, de Podemos. Á presentación non acudiu a rexedora, a nacionalista Sandra González, a pesar de estar informada.

Xacemento en mal estado

O novo xacemento está moi arrasado por actividades forestais e vitivinícolas, pero aínda conserva unha estrutura abaluartada en forma de estrela. Atópase na parroquia de Taborda, a uns 1,96 km ao norte do río Miño e a 1,40 km ao norte da vía de comunicación entre A Guarda e Tui, que discorre paralela ao río Miño. Tamén tiña unha certa relación de proximidade coas outras fortificacións xa documentadas no concello, a 4,74 km ao NE do Forte de Medos e a 3,40 km ao NO da Fortaleza de Amorín e as do complexo de Goián.

Resultaba interesante tamén o topónimo do lugar, coñecido como As Torres, pois polo sitios documentados no resto da fronteira, é habitual que as entidades fortificadas documentadas se localizaran en lugares coñecidos como Torre, Castelo, Forte, Atalaia… e incluso Centinela”, sinala Blanco-Rotea.

A presenza de dous pares de poboacións enfrontadas, a Barca de Goián (actual Goián, en Tomiño) e Vila Nova de Cerveira en Portugal, por unha banda, e Amorín (Tomiño) e São Pedro da Torre en Portugal, por outra, motivou que esta zona fose un dos enclaves nos que se produciu unha maior actividade bélica e mesmo construtiva de todo o Baixo Miño. Os portugueses tentaron tomar Goián en varias ocasións ata que en 1663 conseguen establecerse no lugar ata a firma do tratado de paz, en 1668.

Área a protexer co resto de forte do século XVI de As Torres (Tomiño) que aínda conserva o complexo na parte inferior, en franxa vermella.

Longo conflicto

A nova fortificación evidencia a intensificación do conflito bélico na súa fase final. E é que entre mediados da década de 1640 e 1657 a guerra estivo en relativa calma nesta zona da fronteira, grazas ao traslado do teatro de operacións cara a outros lugares da fronteira, aínda que se mantiveron as pequenas accións de man de ambos os dous exércitos.

En 1657 o exército galego preparou unha acción envolvente polo suroeste de Tui para tentar cercar Valença primeiro e logo Monção desde a Serra de Lourenço. Para iso cruzan a Portugal por un paso de barcas situado no lugar de Amorín, localidade emprazada entre Goián e Tui, construíndo na poboación de São Pedro da Torre o Forte de San Luís Gonzaga, un forte de campaña e de grandes dimensións. No lado galego construíuse o Forte de Amorín ou de Capote Vermello. Entre ambos formouse unha ponte de barcas nnunha zona onde se estreita o río.

A súa vez, os portugueses fortificáronse nas proximidades de San Luís Gonzaga, ao sur, construíndo o Forte de São Jorge da Silva, ao nordés o Forte de Belém e ao oeste-suroeste o Forte de Campos e outras pequenas atalaias entre eles comunicadas por trincheiras. Con todo, A zona conquistada en territorio portugués permaneceu en mans galegas ata o fin da guerra.

Non se volve ter noticias de incursións importantes nesta fronte ata 1663, momento en que se produce unha nova campaña sobre Goián ideada polo Conde de Prado, que pretendía “passar o Minho por Vila Nova, ganhar Gayon, fortificar-se naquele lugar e meter a guerra non país inimigo”. O conde partiu desde Chaves con 5.500 infantes, 1.300 cabalos, 8 pezas de artillería, municións e víveres para quince días.

A finais de outubro, nunha hábil manobra, o exército portugués cruza por un tramo estreito do río en Goián e conquista o forte da Barca de Goián. Fanse fortes e en poucas semanas conseguen crear un gran complexo defensivo ; unha gran fortaleza, a da Concepción, e un forte máis pequeno, o de Chagas, que unen por camiños de trincheiras con outros elementos defensivos como as Torre dos Correa, de orixe medieval, e a coñecida como Torre dos Ratos, creando un espazo fortificado que os galegos non puideron reconquistar ata o final da guerra.

Para cortar as posibles incursións das tropas portuguesas cara a Tui, unha vez construído este sistema fortificado portugués, o capitán xeral de Galicia mandou levantar outra nova fortificación en Estás (Tomiño), nunha elevación situada a 3 km ao NNO da feita polos portugueses en Goián. Denominóuselle Forte de Medos ou de Santiago Carrillo. As obras comezaron en 1663 e terminaron en xullo de 1664.

Mapa de fortificacións da guerra entre Galicia e Portugal no século XVII

Unha vez finalizado, Baltasar Pantoja acuartela alí o exército e dous terzos de Flandes. O 7 de xaneiro de 1665 Luís de Poderico tenta atacar o a fortificación da Concepción sen éxito. Despois desta data, xa non se mencionan feitos significativos nesta zona ata a devolución das prazas en 1668, momento en que se recupera o lugar de Goián e se devolve o de Sao Pedro da Torre.

A relevancia do novo xacemento

Ademáis destes dous lugares importantes para o concello de Tomiño, Rebeca Blanco-Rotea destaca que as novas estruturas defensivas atopadas poden ter lugar cun momento no que se intensificaron os enfrontamentos na fronte galega, con especial virulencia nos territorios que hoxe conforman o concello de Tomiño.

Así, no ano 1666 no que o condestable de Castela, Íñigo Fernández de Velasco, é nomeado capitán xeneral do Reino de Galicia, e tenta aumentar o exército coa intención de restaurar os danos padecidos nos anos precedentes no lado galego da fronteira. Xunta un exército de 14.000 infantes e 1.700 “que acuartela en “Forcadela e despois na ribeira do Tamuxe (O Rosal)”. En fronte, o conde de Prado, de Portugal, acuartela a 4.500 infantes e 1.1000 cabalos, no forte de Santa Cruz (A Guarda), que tamén caera en mans portuguesas.

“Como se deduce da documentación manexada, no lugar que entón abarcaba a parroquia de Forcadela, se ben non sabemos onde exactamente, construíuse algún tipo de cuartel no que se acuartelaron as tropas do condestable de Castela, Íñigo Fernández de Velasco, capitán xeneral do Reino de Galicia en 1666”, apunta Blanco-Rotea.

O seguinte paso, segundo a especialista, será determinar , tras un estudo intensivo, se a materialidade documentada no xacemento das Torres corresponde a este cuartel ou a algún dos dispositivos fortificados para control dos pasos que son característicos neste momento e que están documentado noutras zonas do Baixo Miño / Alto Minho.

Mapa lidar de As Torres, fortaleza do XVII, descuberta en Tomiño

Protección

A zona onde se atopa o novo forte está fortemente alterada pola intervención humana, cunha alta densidade de ocupación do territorio, unha intensa rede de camiños e unha forte explotación agrícola. “Non será fácil detectar a localización deste tipo de campamentos que soen ser efímeros e contar cunha materialidade fráxil”, sinala Blanco-Rotea. Só, recentemente, se teñen localizado dous no lugar de Extremo; un de planta rectangular e outro de planta pentagonal, mais o certo e que aínda son escasas as estruturas deste tipo localizadas na área de estudo.

“O xacemento atópase moi arrasado como consecuencia posiblemente de feitos históricos que teñen que ver coa propia guerra e os procesos postdeposicionais que sufriu con posterioridade á mesma, relacionados coas actividades de explotación agroforestal do territorio. É por isto, que se considera urxente a súa notificación para que se inicie a protección e estudo deste espazo que permita conservar os escaos restos que se mantiveron lo lugar”, destaca.

Un completo informe deste novo xacemento realizado pola propia Rebeca Blanco-Rotea foi xa remitido á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa catalogación e posterior protección.

Pode que che interese...