fbpx

O lume de Valdeorras ameaza as pinturas rupestres de Casaio e o famoso teixedal

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado 9 de agosto declarábase un incendio forestal, arredor das 14.00 horas, na localidade de Casaio, en Carballeda de Valdeorras. O lume estivo fóra de control durante a noite do 9 ao 10 de agosto, e ata o de agora calcinou máis de 400 hectáreas.

A presenza do lume á zona Pala de Cabras, onde se atopa un conxunto de pinturas prehistórica, puxo o foco sobre a situación destas. E, aínda que as lapas queimaron toda a contorna, afortunadamente, púidose comprobar que as pinturas do interior non sufriran danos. Ese mesmo lume tamén ameazou o Teixedal de Casaio, un dos grandes bosques de teixos de Europa.

Así o deron a coñecer dende o grupo arqueolóxico Sputnik Labrego, que traballa no lugar. “As pinturas de Casaio non sufriron danos graves (á espera dunha diagnose detallada) nin tampouco o sistema de vixilancia e as cámaras as cámaras instaladas ao seu arredor”, compartían dende o seu perfil de Facebook.

As pinturas de Pala de Cabra descubríronse no 2019, o que abriu hipóteses de que a área de Casaio estivese ocupada fai 7 milenios. As figuras localizáronse durante un proxecto que tiña como obxectivo a busca de sitios vinculados coas guerrillas antifranquistas, na coñecida como Cidade da Selva. Atopáronse un total de 21 paneis con motivos pictóricos pertencentes ao período Calcolítico, arredor do terceiro milenio a. de C.

Dende o grupo Sputnik Labrego sinalan a importancia da limpeza do lugar, que demostrou como isto permitiu que non se danasen as pinturas. “O lume en Casaio foi unha desgraza, e só grazas ao traballo da comunidade local e a súa Comunidade de Montes a cousa non foi a peor”. Por iso piden unha maior implicación da administración pública na protección das pinturas prehistóricas. “Non podemos permitir que pola nosa incompetencia se perda un patrimonio cultural e natural único en toda Galiza”, conclúen.

Pode que che interese...