fbpx
Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago / porticodagloria.com

A familia Franco “presta” as esculturas do Mestre Mateo para levar a Madrid

Tempo de lectura: 2 min.

O Prado acollerá a primeira exposición do Mestre Mateo fóra de Galicia, con 10 obras. Será na primeira mostra sobre o gran escultor románico galego que se organiza fora de Galicia e que poderá ser visitada desde o 29 de novembro ao 26 de febreiro.

Pero o chamativo desta exposición serán as dúas pezas que son propiedade da familia Franco-Polo e que, ata o de agora, non se puideran ver xuntas nunha exposición. Precisamente, varias asociacións e partidos políticos téñenlle pedido a esta familia que entregue esas pezas que son propiedade pública.

A última en facelo foi a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que participou na presentación da exposición, e que criticou que haxa figuras do escultor en mans dos Franco. “Quero, neste sentido, aproveitar a ocasión desta singular exposición, para chamar a atención sobre a necesidade de que sexan de dominio público as dúas tallas pétreas que na súa orixe formaron parte da Catedral de Santiago e que agora están en poder da familia Franco, sen que, que se saiba, exista ningún documento que acredite propiedade, por compra ou cesión”, dixo.

Así, lembrou que a última pegada documental que se conserva sobre a propiedade das esculturas é a compra por parte do Concello de Santiago en 1948 cun contrato no que se contemplaba o mandato de que non podían abandonar nunca a cidade.

Exposición

A exposición mostrará 10 esculturas exentas do Mestre Mateo, reunidas por primeira vez dende a súa desaparición da fachada mateana do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, e un pergameo asinado por Fernando II no que concede ao arquitecto, pintor e escultor unha pensión vitalicia a cambio de facerse cargo da dirección das obras de conclusión do templo.

Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

Seis das esculturas, ademais do pergameo, atópanse na Catedral de Santiago; outras dúas exhíbense no Museo de Pontevedra, ademais das dúas que están en poder da familia Franco-Polo e atópanse na Casa Cornide, na cidade da Coruña.

Estas “excelentes” pezas serán expostas nun espazo “moi especial” da pinacoteca nacional, tal e como confirmou o seu director, Miguel Zugaza, pois se colocarán no “corazón do museo”. “É un acontecemento histórico e extraordinario dun adiantado ao seu tempo” engadiu.

A mostra monográfica, que permitirá difundir internacionalmente a obra do Mestre Mateo, realiza un completo percorrido polo traballo do artista na Catedral de Santiago dende 1168, cando asumiu a dirección de obra, ata 1211, o ano en que o arcebispo Pedro Muñiz consagrou o templo nunha cerimonia presidida polo rei Alfonso IX.

Pode que che interese...