fbpx
Castelo de Torés, en As nogais, en estado ruinoso / Xavier Moure

Axuda a que non desapareza un dos míticos castelos que resistiu o asedio de Almanzor

Tempo de lectura: 2 min.

O conxunto fortificado de Torés sitúase nunha pequena elevación que domina o val de Torés, nas Nogais, e non moi lonxe dun castro da Idade do Ferro. E a pesar da súa situación periférica está rodeado de historias e lendas de reis, raíñas e grandes caudillos. De feito, segundo as crónicas, esta fortaleza resistiu o asedio ao que foi sometido polo caudillo Almanzor cando atacou Lugo. Pero toda esta historia está a piques de desaparecer polo lamentable estado de abandono no que se atopa todo o conxunto.

Da antiga fortaleza mantense en pé unha arruinada torre duns 18 metros de altura e os restos das murallas que a circundaban e cuxas pedras foron reaproveitadas posteriormente polos veciños noutras construcións. Actualmente o seu propietario é o Concello das Nogais, que non fixo nada para evitar a súa ruína. Por iso, desde o colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas na web change.org para que o consistorio acometa as obras de consolidación, limpeza do contorno e sinalización deste Ben de Interese Cultural. En dous días xa leva 1.200 apoios.

Estado no que se atopa o Castelo de Torés, nas Nogais / Xavier Moure

Data do século XV, se ben hai autores que sitúan a súa orixe a mediados do século VIII. Segundo a lenda, o castelo de Torés foi mandado construír pola lendaria raíña Lupa, como tótem, logo de se converter ao cristianismo, aos touros (de aí o topónimo) que transportaron o carro onde os discípulos transportaron o corpo do Apóstolo Santiago.

A fortaleza vai unida á historia dos Ribadeneira e dos Bolaño. Conta Felipe de la Gándara na súa obra Armas y Triunfos de Galicia que cando o sitio da cidade de Lugo polas tropas de Almanzor alá polo ano 997, Diego de Ribadeneira, señor de Torés, arroxou dende unha das ameas aos sitiadores unha bola de pan e un año para demostrarlles que tiñan comida dabondo para aguantar o tempo que fixera falta, argucia que enganou aos árabes que optaron por marchar; de aí viría, supostamente, a orixe do apelido Bolaño (bola máis año). Di Vázquez Seijas que da defensa que Diego Bolaño fixo da igrexa e cidade de Lugo hai constancia en moitas bulas e concesións de grazas con que os pontífices o  honraron, a el e á súa casa de Torés, entre outras unha de Constantino I datada o 15 de decembro do 714, e confirmada polos papas Gregorio II e Gregorio III.

A historia deste castelo e a súa situación actual podes consultala nesta reportaxe que Xabier Moure, de Patrimonio dos Ancares, escribiu no HdG.

Pode que che interese...