fbpx
Mapa topográfico de Carnota onde se aprecia o Monte Pindo

Cando son os veciños os que se organizan para salvar a toponimia dun dos macizos míticos de Galicia; o Monte PIndo

Tempo de lectura: < 1 min.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural ven de anunciar a creación da Mesa da Toponimia do Monte Pindo, unha ambiciosa iniciativa encamiñada a recuperar os nomes do macizo granítico “antes de que desaparezan ao ritmo de que o fagan os seus últimos testemuñas e depositarios, xente moi maior en gran parte”.

O proxecto conxugará o uso das novas tecnoloxías (aplicacións móbiles e cartográficas), a análise da documentación e traballos xa existentes, e a recollida directa do saber popular mediante entrevistas persoais á xente que coñeza ben a toponimia do Monte Pindo. O obxectivo é situar esos topónimos nunha aplicación dixital ou incluso nos percorridos recollidos recentemente no proxecto Trekker.

O destino dos datos recopilados será unha publicación impresa e un mapa do Monte Pindo moito máis exacto e completo que os que xa existen, nos que se solventen os topónimos deturpados ou de invención moderna.

Esta iniciativa estará coordinada por Manolo Souto Barreiro, profesor do Colexio de Carnota recén xubilado, e que tentará sumar a máis veciños para recompilar información sobre a microtoponimia do Monte Pindo e da contorna. A primeira reunión da Mesa da Toponimia terá lugar o sábado 31 de marzo ás 12:00 horas no Salón de Actos do Concello de Carnota, no marco da mostra de promoción local de Carnota Víndemo Ver. As persoas interesadas tamén se poden inscribir en info@montepindo.org.

Pode que che interese...