Petróglifo do Lombo da Serpe / Capitán Gosende

Un petróglifo no lombo dunha serpe; un achado na honra de Antón Fraguas

Tempo de lectura: 6 min.

Capitán Gosende descobre o terceiro gravado rupestre en Castro do Cabo e dedícalle o achado a Antón Fraguas, etnógrafo e historiador cotobadés homenaxeado hogano co Día das Letras Galegas.

Dende hai unhas semanas, os de Capitán Gosende ocupamos o lecer percorrendo os predios monteses de Carballás (Cerdedo) e Castro do Cabo (Castro), ambas as dúas, parroquias do antigo concello de Cerdedo. Nós non nos resignamos á fusión (máis ben, anexión); ben ao contrario, considerámola unha componenda tan interesada coma baldía. Mágoa sermos os únicos que nos atrevemos a dicilo en voz alta.

O noso asueto é pouco, anque o pouco, ben aproveitado, dános para falar de Cerdedo moito e en positivo. Nós non vivimos disto, vivimos para isto. Estamos fartos da política impostura, da queixa de taberna e fartos estamos dos imposibilistas. Carecentes de todo apoio entre os vivos, consagramos o noso esforzo ao baleirado do purgatorio. Vai polas ánimas!

A nosa cruzada cultural non se reduce á busca de petróglifos –ben o saben os nosos lectores e seareiros–. Capitán Gosende non se deixa contaxiar polo institucionalizado “dolce far niente”. Vallan os seguintes exemplos. O cerdedense Fernando Salgado, un dos nosos membros, vai pola sétima presentación do seu libro 1.306/36, verbo da figura do seu avó Francisco Varela Garrido, vítima da represión franquista. O pasado 22 de setembro, Salgado presentou en Cerdedo a biografía de Pancho; en breve, desembarcará en Sanxenxo con toda a expectación que se lles negou na súa vila natal. Non desfalecemos. O diñeiro recadado coas vendas do libro será investido no “Proxecto Campo das Laudas” (As Raposeiras-Meilide). Este ano contamos con fincar na terra os fitos en lembranza de Xosé Torres Paz (asasinado en Pontevedra o 11 de agosto de 1936) e Martiño Ferreiro Álvarez (falecido en Mauthausen-Gusen en 1941).

O escultor cotobadés Ignacio Cerviño Quinteiro

Ítem. O sábado 9 de febreiro promovemos en Cerdedo un acto arredor da figura do escultor cotobadés Ignacio Cerviño Quinteiro (1834-1905). O investigador Anxo Coia, outro dos nosos membros e especialista na vida e obra de Ignacio Cerviño, impartiu unha conferencia sobre a estadía do célebre canteiro en Cerdedo, anos antes de emprender a súa obra cume: o cruceiro do Hío (Cangas).

Lembróusenos na charla que Ignacio Cerviño, natural do lugar de Peroselo (parroquia de Augasantas), residiu en Cerdedo de dous a cinco anos (como mínimo, durante 1859 e 1860). De 1859 data a feitura do cruceiro do Pego. Nese mesmo ano contraeu matrimonio coa cerdedense Ramona Beiro Mosquera. En 1860, froito da unión, trouxeron ao mundo o seu primeiro fillo: unha nena bautizada na parroquial de Cerdedo co nome de Vicenta Fernanda. A tradición oral atribúelle a feitura do panteón de Peleteiro ou das Capitanas (camposanto de Cerdedo) e a documentación contractual corrobora a labra do cruceiro do Pego (Parada). O acto, que atraeu a atención dos medios de comunicación, só mobilizou a sensibilidade foránea.

Tras o animado coloquio, impuxémonos a tarefa de esclarecer a autoría dun curioso desencravo fincado no pinche dunha casa de Laxoso (Quireza). Poderáselle atribuír a cruz de Laxoso ao enxeño de Ignacio Cerviño? A día de hoxe, sabemos que a peza (escultura inacabada) proveu da aldea de Filgueira (Castro). Tampouco nos esquecemos do gravado cruciforme de Carballás, atopado por Capitán Gosende o pasado 6 de xaneiro. Unha informante septuaxenaria, nada na dita aldea, púxose en contacto co colectivo e comunicounos que o risco en cruz xa existía no ano 50 do pasado século. Seguiremos investigando e informando.

Reivindicación das vítimas do fascismo, gabanza da arte popular, procura arqueolóxica… Nós non coñecemos outra maneira mellor de honrar a Antón Fraguas.

O terceiro petróglifo en Castro do Cabo

Deixemos os punteiros e ciceis contemporáneos e retrotraiámonos á Prehistoria. A bordo da máquina do tempo acadamos nun tris o horizonte da Idade do Bronce, porén todo segue a xirar arredor das pedras. Hogano ou antano, traballáranse as arrías con ferramentas ou con útiles de seixo, de canteiros falamos, e en Cerdedo, mellor nomealos arghinas.  

O sábado 16 [16-2-2019], fuxindo da chuvia e do petote, a tropa dos Gosende quixo satisfacer unha intuición e cometer unha ousadía. Debiamos localizar na lomba de poñente de Castrodiz, entre o cume da montaña e a aldea de Castro do Cabo, unha laxa oculta entre a toxeira que espertara a nosa curiosidade. Que ben se contempla o mundo a través do “ollo de falcón” do Google Maps.

Atopar a lastra non foi tarefa doada, dado que os Gosende temos por costume refugar o camiño dereito, optando sempre polo arrodeo coa precaución de non deixar nada atrás. Di o refrán que non hai arrodeo sen paseo nin atallo sen traballo e, sen saber como, vímonos outra vez no medio da impenetrábel matogueira (xestas coma carballos, toxos coma xestas, silveiras coma toxos). Consolémonos, di outro refrán que os camiños doados non levan a ningures.

A por de azorrar, a iso das 18:00 horas demos coa devasa que ascende pola aba norte de Castrodiz, aberta entre o vasto toxal e unha repoboación de eucalipto.

Cando cremos estar á altura certa, mergullámonos no océano pugarento e, tras a dose necesaria de picón, batemos co laxedo. Recostado na pedra, o petróglifo levaba agardando por nós dende había 4.500 anos. Ás veces, un non sabe se somos descubridores ou son os petróglifos os que nos atopan a nós.

Membros de Capitán Gosende ao pé do petróglifo do Lombo da Serpe

Sitio arqueolóxico

Tan só a primeira vistada abondou para nos decatar de que deramos cun sitio arqueolóxico atilado dunha estraña beleza. O crecente lunar asomaba tras o planalto de Castrodiz. O solpor irradiaba unha aura de misterio alaranxado. A redonda do olímpico Castrodiz é abofé “terra santa”. Cantas sorpresas nos terá reservadas este pródigo alcouve do lendario?

A singular morfoloxía daquela rocha insculpida axiña me inspirou un nome: “petróglifo do Lombo da Serpe”. A tropa aceptou a proposta.

O petróglifo do Lombo da Serpe (coordenadas.- X: 547.148; Y: 4.711.248; alt. 469 m) é o terceiro gravado rupestre descuberto na parroquia de Castro (Castro do Cabo I achouse o 13 de xaneiro e Castro do Cabo II, o 27 do mesmo mes). Se atendemos o Topográfico, a estación petroglífica do Lombo da Serpe sitúase nas inmediacións dunha zona denominada Arsibas. Amais, o gravado localízase a uns 480 m, ao sueste, da parroquial de Santa Baia; a uns 460 m, ao sueste, do lugar de Castro do Cabo; e a uns 525 m, cara ao noroeste, do cume de Castrodiz (631 m).

O soporte, de perfil irregular, é unha laxa de granito (gran groso) que presenta unha leve pendente cara ao poñente. A superficie visíbel é duns 45 m2. O trazo que singulariza o panel é unha veta dereita duns 25 cm de ancho que de leste a oeste divide a lastra en dous subpaneis de superficie similar. Coidamos que a veta, constituída por materiais máis duros, resistiu mellor a erosión, formando unha franxa preeminente (máis avultada cara ao leste) respecto ao afloramento circunstante. Obra da erosión, unhas grechas transversais cortan a vea coma banzos de escada, conferíndolle o aspecto de espiñazo.

O vistoso conxunto componse entre outros elementos (estes moi desgastados) dunhas 140 coviñas (agrupadas, aliñadas, illadas) de tamaños diversos. Na parte superior da veta, talláronse unhas 15 concavidades. Escuso dicir que o cerrizo escamado tamén axudou a escoller o chamadeiro. Orientados cara ao leste, no subpanel norte talláronse unhas 27 coviñas e 1 cruciforme; no subpanel sur, unhas 98 coviñas, 3 cruciformes e outros riscos rectilíneos e curvilíneos. Interpretamos os cruciformes como antigas marcas de deslinde. Na parte inferior da laxa, albíscase un idoliforme duns 65 cm de alto ou o fragmento dunha combinación circular de bo diámetro. Para determinar con precisión a fasquía desta figura (e outras) cómprenos unha visita nocturna ao lugar e proxectar luz indirecta sobre a rocha.     

A uns 300 m ao oeste da estación petroglífica, ábrese un recinto aterraplenado con aparencia de área recreativa. Nun dos laterais chantouse un panel sinalador. Sobre un mapa de Cerdedo e no tocante á arqueoloxía, espalláronse unha ducia de símbolos: cinco casoupas castrexas, tres petróglifos e cinco arcas. O panel cheira a displicencia. De algún día anovar o eslamiado cartaz, pregámoslle a concellaría aludida que teña en conta os tres gravados rupestres descubertos recentemente en Castro do Cabo; están, todos tres, a unha carreira de can do “Vostede atópase aquí”.                

Números finais. Gravados rupestres inventariados en Cerdedo: 52. Gravados rupestres descubertos pola tropa dos Gosende na bisbarra de Montes: 59. O escribán anótase 46.

O colectivo Capitán Gosende quere homenaxear a Antón Fraguas dedicándolle o seu humilde labor de recuperación da Memoria histórica, defensa do patrimonio cultural e busca arqueolóxica. Estamos certos de que Fraguas sabería apreciar o noso desprendido diletantismo e, xaora, a ofrenda virtual do petróglifo do Lombo da Serpe.

Máis alá dos fastos, aconsellamos a autoridade de Cotobade (agora rexente en Cerdedo) que, de querer honrar a memoria do seu ilustre paisano, teña a ben librar da matogueira as estacións de arte rupestre existentes en ambos os dous territorios. Para que ninguén diga que todo foi cacarexar e non poñer ovo. Cerdedo tamén existe.   

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: