fbpx
Pena do Castelo, na Ribeira Sacra / Senderismo Galego

As grandes dúbidas do BIC da Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 3 min.

O 31 de decembro de 2018, publícase no DOG o Decreto 166/2018, do 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Así, zonas de ribeira do Sil e Miño e ducias de monumentos xa son BIC, na categoría de Paisaxe Cultural. A Xunta agardaba con este trámite dar un impulso á candidatura ante a UNESCO da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Con todo, o proceso completouse sen ter en conta a maioría das alegacións. Así, quedan fóra da consideración BIC numerosos elementos do Patrimonio de grande interese e, nomeadamente, aqueles que conservan restos románicos, un dos sinais de identidade destes territorios. Particularmente, quedan fóra da consideración de BIC elementos antigos e singulares, como a Cova rupestre do Cotillón, en Ferreira do Pantón.

Tamén falta por considerar a cuestión dos viñedos históricos e a súa recuperación. Tamén os elementos patrimoniais da ribeira do Cabe, que conta con numerosos elementos patrimoniais e produción vitícola dende antigo, pero foi excluída da Declaración, ao non estar ao mesmo nivel que o Sil ou o Miño. Do mesmo xeito, queda fóra parte do dominio do Bibei.

Todo isto ten provocado críticas de asociacións e partidos políticos. O último, En Marea, que presentou a necesidade dun plan de investimentos coordinado. Unha alegación que foi rexeitada. Tamén critica que non se realiza unha análise sobre o trazado da A-76 e a súa afectación patrimonial e paisaxística, nin se teñan establecido restricións para as infraestruturas de produción enerxética.

“Para que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade sexa unha oportunidade histórica hai que acompañala dun plan de desenvolvemento socioeconómico integral da zona, así como dunha estratexia de conservación, estudo e divulgación do Patrimonio, acompañadas de orzamento e prazos de execución”, apunta a formación.

Paixase da Ribeira Sacra / turismo.gal

Por isto, En Marea interpelará ao conselleiro de Cultura na Cámara galega para que dea resposta as seguintes preguntas:

  1. Vai a Xunta impulsar unha campaña informativa sobre o Decreto de declaración BIC da Ribeira Sacra?

  2. Cando vai a Xunta impulsar un plan de investimentos na zona da Ribeira Sacra coordinado entre as distintas administracións implicadas? Que orzamento vai dedicar a dito plan?

  3. Como valora o grao de cumprimento das leis en materia de plantacións de piñeiros e eucaliptos na Ribeira Sacra? Que medidas vai impulsar a Xunta para a eliminación dos eucaliptos existentes no territorio?

  4. Como valora a Xunta a conservación e divulgación do importante conxunto de petróglifos do sur de Lugo?

  5. Vai a Xunta impulsar un plan específico de protección do Patrimonio inmaterial da Ribeira Sacra?

  6. Cal foi o criterio que se tivo en conta para excluír da declaración BIC elementos como a Cova rupestre do Cotillón?

  7. Por que á ribeira do Cabe non se lle deu a mesma consideración que ás do Sil e Miño?

  8. Por que non se inclúe todo o ámbito do Bibei na declaración BIC da Ribeira Sacra?

  9. Considera compatible a declaración BIC da Ribeira Sacra cos atentados contra o patrimonio acontecidos no mosteiro de San Salvador de Asma?

  10. Por que non se inclúen os sartegos antropomorfos na declaración BIC?

  11. Ten prevista a Xunta algunha actuación para a protección e divulgación do Patrimonio paleolítico da comarca de Lemos?

  12. Vai a Xunta aumentar o número de elementos BIC na zona da Ribeira Sacra?

  13. Vai a Xunta prohibir de xeito expreso as aplicacións mineiras e as novas construcións hidroeléctricas e os grandes proxectos eólicos, que o actual expediente permitiría como excepcións?

Pode que che interese...