fbpx
Pazo de Bendaño, en Dodro, a principios do século XX, antes de ser demolido e moitas das súas partes levadas ás torres de Meirás / remitida

O Pazo de Bendaña, o outro gran pazo barroco que espoliaron para maior gloria de Franco

Tempo de lectura: 6 min.

Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio de Dodro. Integrante de Unidade Veciñal de Dodro

Non estaba o pobo de Dodro para agasallos ó ditador Francisco Franco a pouco de rematar a Guerra Civil. Pero nunha acta de 8 de marzo de 1939 lévase a pleno no punto 5 da orde do día “Forma de recaudar la subscripción para Pazo de Meirás” e na que acordan: “Se acordó igualmente en vista del resultado casi negativo que tuvo en principio la suscripción para Pazo de Meirás, que la cantidad asignada a este municipio en la reunión de los del Partido se recaude por derrama proporcional sobre los vecinos  en razón a sus posiblidades”.

Nunca máis se soubo do tema de Meirás en Dodro, ou nunca se deixou por escrito. No libro de actas, que revisei fai uns días, misteriosamente, pasan de xaneiro de 1945 a finais de 1950 en páxinas correlativas. Non quedan probas do roubo. Pero ese roubo existiu, e non foi en forma de diñeiro, senón en forma de desmantelar outro dos grandes emblemas de Dodro ata entón, o Pazo de Bedaña.

“Nun ano sen determinar entre o ano 1945 e 1950 consumouse en Dodro o Donativo do espolio” como describiu Avelino Abuín de Tembra nun dos seus artigos de “El Correo Gallego” que daba en chamar “Ventos Ábregos” aló por 2008 lembrando o agasallo ó “generalísimo” do Pazo de Bendaña. En maio de 2008 facíase público un manifesto por parte do Concello de Dodro, formado por PSOE e BNG, xunto con 16 asociacións culturais, que pedían que se admitise que Dodro fora espoliado e que o seu patrimonio, o Pazo de Bendaña estaba en Meirás. Iso foi fai 12 anos, cando aínda as Torres de Meirás pertencían á Familia Franco. Pero agora as cousas mudaron.

Meirás antes das reformas feitas polos Franco con pezas chegadas de toda Galicia, entre elas, do Pazo de Bendaña / remitida

O pazo de Bendaña

O denominado Pazo do Marqués, a Torre de Dodro, Casa do Marqués ou incluso o Pazo do Conde estaba situado na aldea de Vigo e a doazón, despois do seu despece pedra a pedra, serviu para reconstruír as vellas torres de Emilia Pardo Bazán situadas en Meirás no Concello de Sada.

Sabemos que a balaustrada de Dodro cos seus pináculos está sobre o muro de contención da explanada e a modo de pasamáns na escaleira principal como se ve nas fotos actuais do Pazo de Meirás e en 1905 nunha foto de Estanislao Pérez Artime da Torre de Bendaña.

Tamén os vellos canteiros de Dodro que participaron obrigados na demolición lembraban a fermosa fonte do patio e os canzorros cos mastíns labrados en granito sostendo a balconada da torre segundo escribe Manuel Lorenzo Baleirón nun recente artigo de prensa.  Non sabemos se esta fermosa fonte foi reconstruída en Meirás ou está amoreada xunto a moitas das pedras que foron dende Dodro.

Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

O famoso retablo barroco

Tamén se sabe que naquel tempo de espolio para agasallos ao “Caudillo” desapareceu da capela do pazo, que aínda se conserva, o fermoso retablo dedicado a San Xosé e que o pintor e poeta Urbano Lugrís nun artigo de 1956 describe esta capela do seguinte xeito:  “Na capela, onde a lentura do barroco prende en ouros ultramarinos e exercita as súas mazás e os seus acios ubérrimos, arrecende a marea baixa, a incenso, a cera (…) Nas súas estancias, cheas de vento e saudade, vibrou un tempo a fidalga voz antiga; as bicudas xerras sargadelas, nun XVIII con frautas e spinettas».  Non sabemos tampouco se o fermoso retablo “prendido en ouros ultramarinos” está no Pazo de Meirás ou en calquera outra das estancias que a familia do ditador ten esparexidas por todo o estado español.

Queda un só escudo brasonado nunha das paredes que quedou do pazo. Carlos Babío e Manuel Pérez no seu libro “Meirás, un pazo, un caudillo, un expolio” documentan algún convertido nunha fonte do xardín, pero mentres,  non sabemos a onde foron parar en Meirás os outros catro. Poden estar amoreados xunto ó resto das pedras.

Importante biblioteca

Nun artigo no diario “La Noche” con data de 25 de xullo de 1947, do historiador español e director do Museo del Prado Francisco Javier Sánchez Cantón titulado “Los libros que heredó y no pudo leer el Marquesito de Bendaña en 1730” describe con precisión case 150 obras que segundo el: “En 1 de mayo se procedíó al inventario de los bienes muebles del Pazo de Dodro, que era y no se si es, uno de los mas hermosos entre los barrocos de la región. Halláronse los libros en la sala de la torre y en su antesala; no llegan a 150; pero comprueba su examen particularidades que hacen digna de estudio esta colección… nos dicen que la librería de Dodro se formó por un solo adquiriente , el propio Don Carlos de la Torre y Romay cuando andaba en la corte de Carlos II”.  Tampouco sabemos onde rematou esa biblioteca ou se foi trasladada tamén nos camións militares que levaron a torre de Dodro cara Meirás. Os libros da biblioteca de Pardo Bazán que permaneceron no pazo de Meirás son polo menos 3.200 e foron catalogados pola RAG. Non debe ser tarefa difícil a identificación dos mesmos.

Artigo da libraría Marqués de Bendaña, aparecido nun artigo de 1947 en La Noche

Un longo proceso para recuperar as torres de Meirás

O 10 de decembro,  como ordenou o Xulgado de Primeira Instancia numero 1 da Coruña fíxose a devolución ó estado, e segundo a Avogacía do Estado a familia Franco non pode mover ningún dos bens mentres se realiza o inventario. O delegado do Goberno español en Galicia, Javier Losada sobre os bens que se están inventariando declarou: “calquera decisión ó respecto tómase coa cautela de que nada que sexa do estado se perda”.

E o Conselleiro de Cultura Román Rodríguez, fai uns días lembrou, «O primeiro paso é a cesión da xestión do pazo, petición que xa fixemos chegar ao Goberno, e que tamén aprobou o Parlamento, porque foron os galegos os que mercaron ese pazo para entregarllo ao ditador, e foi Galicia a que impulsou o proceso xurídico para recuperar o pazo para o patrimonio publico» .

Á súa vez o goberno municipal de Sada pediu unha xestión municipal do Pazo de Meirás a través dun convenio para  “unha xestión municipal que o concello xa demandara anteriormente co obxecto de dar servizo público ao pazo e poñelo en valor cos obxectivos dos usos dotacionais públicos asociados á memoria histórica e democrática, así como á memoria, vida e obra de Emilia Pardo Bazán. Unha posta en valor histórica e democrática na que debe figurar a propia historia do Pazo de Meirás e o coñecemento do proceso de adquisición e  detentación polos Franco, a extorsión forzada que aconteceu, as vítimas do proceso e as demais circunstancias que a propia sentenza recoñece”

E precisamente o Concello de Dodro celebra sesión ordinaria ese mesmo día 10 de decembro para pedir ó Goberno de España, á Xunta de Galicia e ao goberno municipal de Sada, que se recoñeza a Dodro, mais concretamente o Pazo de Bendaña, como parte do espolio que permitiu ó ditador a reconstrución das Torres de Meirás, Que se identifiquen no inventario de bens as partes que poden corresponder ó Pazo de Bendaña de Dodro, entre eles a biblioteca, a fonte, os escudos brasonados, o retablo etc e que se faga constar en dito inventario. E que tamén nas publicacións turísticas, das institucións responsables da posta en valor histórica e a xestión e do uso público deste, se nomee a Dodro como achega do Pazo de Bendaña e o coñecemento do proceso de adquisición pola familia Franco, e o xeito como se procedeu ó seu traslado.

En definitiva a restitución da memoria do Pazo de Bendaña de Dodro.

Pode que che interese...