fbpx
Sobreiras de Toutón frame do vídeo publicado por un veciño nas redes sociais

Así salvaron os veciños dúas sobreiras centenarias ameazadas de corta en Mondariz

Tempo de lectura: 2 min.

Onte pola mañá rectificábanse as marcas. As centenarias sobreiras situadas á beira da estrada provincial PO-9202, no concello de Mondariz, non serán cortadas. E é que a presión veciñal para salvar esteas dúas árbores autóctonas deu o seu efecto. As centenarias árbores permanecerán no seu lugar ó pé da estrada.

Pois, vai algúns días, varios veciños daban a voz de alarma. Estas dúas árbores aparecían marcadas para a súa corta. Segundo semellaba, fora Deputación Pontevedra, de quen é competencia esta estrada, a que as sentenciara dentro dos plans de seguridade da administración para retirar obstáculos dos viarios.

Á vista das marcas os veciños contactaron co Concello poñendo varias queixas no Rexistro á vez que denunciaban os feitos nas redes sociais, tal e como recollían dende a páxina Canibalismo Urbanístico. Así, “á vista das inquedanzas sociais pola corta de árbores, o Concello de Mondariz informa que xa está en contacto coa Deputación Pontevedra para avaliar a situación e ten o compromiso de actuar como mediador, canalizando as queixas veciñais”, declaraban o pasado 17.

Efectivamente, tal e como informaban, dende o Concello contactouse coa Deputación Pontevedra para trasladar o malestar por esta decisión. Así, finalmente, o consistorio foi informado de que non se procedería a cortar as sobreiras.

Tamén, dende o Concello informábase de que “para evitar erros durante o proceso de corta das árbores marcadas deuse orde a un operario do Concello de Mondariz para indicar, a través de novas marcas, que estas sobreiras da parroquia de Toutón non se deben cortar”.

Sobreiras de Toutón marcadas para que non sexan cortadas foto Concello de Mondariz

E é que para os veciños desta parroquia de Mondariz estás árbores son consideradas como referentes naturais. Considérase que as árbores sexan probablemente centenarias pois os máis maiores da parroquia lémbranas de sempre, sabendo que ademais son árbores sans.

Iso si, tal e como informaban tamén dende o Concello “avaliarase coa Deputación que nun futuro próximo poidan ser podadas, xa que actualmente causan problemas aos vehículos voluminosos que pasan por esta estrada”.

Pode que che interese...