fbpx
Castro das Barreiras en Vimianzo / foto turismovimianzo.com

VIDEO: Un castro, escenario dun partido de fútbol gaélico

Tempo de lectura: 2 min.

Non é un partido calquera, é un partido reivindicativo. E non é un xogo calquera, é fútbol gaélico. Deste xeito, xogando a este deporte realizouse a coñecida como Reivindicación do Castro das Barreiras, un acto enmarcado dentro da festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo.

A idea foi de Vicente de Souza, e o vídeo foi dirixido por Xacio Baño, premiado recentemente nos Mestre Mateo:

Ademais, este sábado 25 de xuño celebrase o solsticio de verán dun xeito diferente neste sitio arqueolóxico. Será unha tarde de xogos, comida campestre, música, convivencia… e, por suposto, non podía faltar o fútbol gaélico!.

Castro das Barreiras

O castro das Barreiras é un xacemento singular e de moito interese. Sitúase no fondo do val de Vimianzo e mostra á vista unha estrutura arquitectónica espectacular, definida por vestixios do foxo e unha potente muralla que nalgún punto supera os 8 m. de altura. Estas defensas colosais non son habituais nos xacementos castrexos e demostran que o castro das Barreiras foi, no seu día, un poboado importante e que era, probablemente, aínda máis extenso do que hoxe se conserva.

Segundo recolle patrimoniogalego.net, o normal na construción dun castro é facelo nun emprazamento de difícil acceso, coma o alto dun monte ou uns acantilados coma no caso de Baroña. En cambio este castro está feito en pleno val para poder aproveitar as terras de cultivo e o dominio da zona. Para poder defenderse tivo que fortalecerse coas súas enormes barreiras.

Nalgún punto están derruídas pola construción de casas ou polos valados dunha finca anexa. Incluso se viu ameazado pola construción dunhas aceras, que se tiveron que retirar uns metros.

Despois de sucesivas limpezas, por fin se fixo unha prospección arqueolóxica nas que se atoparon tres construcións castrexas. Tito Concheiro, o arqueólogo responsable calificou o xacemento como “moi interesante” pois en moi pouco tempo e traballo conseguiron atopar tres construcións e máis de 500 fragmentos de cerámica. A súa escavación total sería un atractivo turístico de gran valor para Vimianzo, co castelo no outro lado do val e co futuro e tan prometido Parque do Megalitismo.

Pode que che interese...