Turismo de cogumelos para traer xente aos Ancares e ao Courel
Os cogumelos poden ser un xeito de traer turistas a Galicia. Así o cre a Deputación de Lugo e a USC que acaban de asinar un convenio para elaborar un estudo científico no que se avalían as potencialidades turísticas da micoloxía na provincia, no xeodestino dos Ancares-Courel. O Executivo provincial destina 35.000 euros á elaboración deste informe que, posteriormente, será incluído dentro do Plan Estratéxico de Turismo que deseña o organismo provincial.
Esta área conta con grande diversidade no que a fungos se refire. Deste xeito, analizaranse as fortalezas e oportunidades, que se basean na riqueza natural, paisaxística, etnográfica, cultural, así como na ampla biodiversidade e na existencia de infraestruturas de turismo, establecementos e empresas ecoturísticas; debilidades e ameazas, todas relacionadas coa demografía regresiva, escasa formación micolóxica dos establecementos ou difíciles conexións.
Segundo algúns informes, a recollida silvestre dos fungos pode superar, en Galicia, os 100 millóns de euros, ou moito superior tendo en conta a diversificación do mercado.
Obxectivos
Os obxectivos a cumprir con este estudo son: analizar e facer un diagnóstico das posibilidades do micoturismo na provincia e as necesidades para o seu desenvolvemento nas comarcas do Courel e dos Ancares; establecer sinerxías e implicar no proxecto aos distintos axentes administrativos, sociais, económicas, culturais e científicos; e definir as estratexias necesarias para favorecer o turismo micolóxico a levar a cabo as actividades e estudos para a súa implantación.
Para conseguir estes obxectivos, logo de facer o análise DAFO, estableceranse reunións e contactos con axentes que necesariamente se deben implicar para o desenvolvemento deste proxecto, estudo inventariada da micobiota do territorio, con especial atención ás especies comestibles, e estimación da produtividade real, e actuacións formativas, divulgativas e educativas.