fbpx
cargadoiro de mineral de Rande / foto asociacionrandepatrimonioeuropeo.blogspot.com

Varios órganos consultivos da Xunta pronúncianse en contra da destrución do Cargadoiro Cotto Wagner

Tempo de lectura: 3 min.

A Autoridade Portuaria de Vigo, dependente maioritariamente da Xunta de Galicia, sentenciou a desaparecer ó histórico cargadoiro de Rande, máis coñecido como cargadoiro Cotto Wagner, tal e como contamos onte. Foi cunha solicitude de desmantelamento do cargadoiro ó Ministerio de Cultura, alegando o seu estado de ruína.

Fíxoo, porén, co criterio en contra do pleno do Concello de Redondela en unanimidade, onde se atopa o histórico ben. Tamén da Asociación Rande Patrimonio Europeo (ARPE), asociación que leva anos traballando pola conservación e promoción do patrimonio da ría. A asociación pediu a declaración de BIC e presentou unha petición na plataforma Change.org solicitando que se anule o seu desmantelamento.

Tras a publicación da petición non foron poucos os colectivos e institucións que se sumaron á reivindicación, tanto galegas como de fora de Galicia, algunhas delas especializadas en patrimonio industrial. Todas elas coinciden. O ben é un elemento dun gran valor tanto cultural como técnico, así como mostra imprescindible da historia industrial da ría de Vigo.

cargadoiro de mineral de Rande / foto asociacionrandepatrimonioeuropeo.blogspot.com

De institucións industriais a Órganos Consultivos da Xunta

“Conseguimos o apoio de diferentes entidades e asociacións que amosan a súa preocupación e rexeitamento polo desmantelamento do cargadoiro e solicitan a procura doutras alternativas para a súa conservación“, afirman dende a Asociación. Tamén de moitas outras que se agardan envíen por escrito o seu apoio tras a corentena.

Ademais chama poderosamente a atención que entre os apoios cos que conta a asociación atópanse, paradoxalmente, os Órganos Consultivos da Xunta de Galicia no que atinxe ó Patrimonio Cultural. Entre eles está as propias Real Academia Galega de Belas Artes e a Universidade de Santiago de Compostela.

Esta é a listaxe que aportan dende a asociación:

  • O Museo do Pobo Galego, órgano consultivo e recoñecido pola Xunta de Galicia como centro sintetizador de todos os museos e coleccións, integrado no sistema galego de museos dedicados ó estudo, promoción e difusión do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia (Decreto 111/1993 do 22 de maio).
  • A Real Academia Galega de Belas Artes, órgano consultivo da Xunta de Galicia no que respecta a patrimonio cultural, segundo o indica a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, artigo 7.3
  • A Universidade de Santiago de Compostela, Departamento de Historia, órgano
    consultivo da Xunta de Galicia no que respecta a patrimonio cultural, segundo o indica a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, artigo 7.3.

  • Asociación de Veciños San Bernardo de Cedeira, parroquia onde se localiza o Cargadoiro.

  • Asociación de Veciños de Chapela (barrio lindeiro polo sur co de Cedeira, moi preto do límite onde se atopa o cargadoiro).
  • INCUNA Industria, Cultura, Natureza, asociación declarada de Utilidade Pública polo Goberno de España no ano 2011, que ten entre os seus obxectivos e actividades a defensa, conservación, valorización do patrimonio industrial.
  • Instituto de Estudos Vigueses, unha das institucións culturais máis relevantes de ría e a cidade de Vigo.
  • A Asociación Amigos dos Museos de Galicia, que compendia numerosas asociacións de amigos dos museos da nosa Comunidade.
  • A Asociación Deportiva e Cultural de Rande, asociación promotora da creación do MEIRANDE na Fábrica do Alemán.
  • A Associació do Museu de Ciència i da Tècnica i d´Arqueologia Industrial de Catalunya, asociación declarada de Utilidade Pública polo Goberno de España, fundada no ano 1979, que ten entre os seus obxectivos e actividades a defensa, conservación e valorización do patrimonio industrial
  • Galicia Máxica, promotora do turismo e do Patrimonio Cultural de Galicia.
  • A Asociación ARGA, encargada de divulgar as arquitecturas singulares de Galicia.
  • Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”, con ampla traxectoria en temas
    asociados coa arqueoloxía e o patrimonio cultural de tipo marítimo.
  • A “Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego”, cunha dilatada
    traxectoria de apoio ao Patrimonio Cultural de Galicia.
  • A Rede do Patrimonio Cultural de Galicia, un colectivo integrado por 106 entidades de longa traxectoria na defensa do Patrimonio Cultural Galego.

“Temos máis apoios de palabra doutras institucións, pero a causa da crise do coronavirus e o confinamento, tardan en dar un apoio legal asinado polos membros dos seus órganos de xestión, plenos e/ou asembleas”. A asociación conta ademais co apoio de máis de 600 particulares que ata o de agora asinaron a súa petición e que xunto con eles apostan por converter este espazo en Selo de Patrimonio Europeo.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...